Boiro e A Pobra devolvéronlle a voz e a dignidade aos mártires da ditadura

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

DANI GESTOSO

O nome de Cándido Castillo, o Pichón, loce xa no monumento de Cimadevila

18 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Guerra Civil e a ditadura posterior deixaron varias datas marcadas con lume na memoria colectiva. Unha delas é o 17 de agosto, día no que foi asasinado Alexandre Bóveda e escollido para honrar a outros que, coma el, foron vítimas da represión. Onte, como cada verán, Boiro e A Pobra devolvéronlle a voz e a dignidade a eses mártires.

Os actos comezaron pola mañá na vila pobrense, coa ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda a cargo do concelleiro de Memoria Histórica, Xabier Santos, quen, tomando como referencia O libro negro da lingua galega de Carlos Callón, referiuse ao asasinato do galeguista no 36 como «unha celebración macabra da sublevación militar». Porén, este ano a conmemoración do Día da Galiza Mártir estendeuse aos xardíns Valle-Inclán, onde se expuxo o bosquexo da escultura de Manuel Teira pola memoria histórica coa que se quere «dignificar os sentimentos dun pobo que sufriu o atropelo da ditadura».

A obra, que se realizará con granito do país e se prevé inaugurar a finais de ano, ten como obxectivo «darlle palabra ao silencio, que a pedra fale por si soa», en palabras de Teira.

De Ponte Goiáns

Xa pola noitiña, os actos de conmemoración da Galiza Mártir trasladáronse a Boiro, onde, como é tradición, o BNG organizou unha homenaxe a un veciño do municipio vítima da represión. Este ano, o nome que quedou gravado no monumento da rotonda de Cimadevila é o de Cándido Castillo González, o Pichón, veciño de Ponte Goiáns e asasinado o 23 abril de 1937.

Na introdución do acto, déronse algúns detalles da vida de Cándido. Nacera en 1898, fillo de Avelino e de Josefa. Casou con Purificación Seoane Fariña, de Postmarcos, que morreu en 1930. Non tiveron descendencia, e a súa única irmá marchou a Pontevedra e morreu hai tempo, polo que non queda familia achegada que puidera asistir á homenaxe.

Con todo, foi igualmente emotiva porque o feito de gravar o seu nome nunha pedra serve, aínda que só sexa en parte, para restituír a memoria dos condenados a ficar esquecidos. Aos falanxistas non lles abondaba con matar a quen consideraban traidores, querían borralos para sempre, por iso non consentían que os seus nomes figuraran en lápida algunha. Cándido tivo o «privilexio» de que consentiron que fora enterrado no cemiterio de Boiro, pero nunha tumba sen nome. Foi despois de pasar horas agonizando na porta da súa casa. Foran ata alí a buscalo, pegáronlle catro tiros e deixárono alí tirado. Algúns veciños din que pasou toda a noite, outros que foi menos tempo, pero o certo é que o terror instaurado en Boiro e o medo a represalias fixo que ninguén se atrevera a botarlle unha man para socorrelo.

O seu delito foi ser secretario do sindicato Unión de Canteiros e Oficios Varios da UXT, colaborar co goberno local e ocupar varios cargos de forma interina na Agrupación Socialista Obrera Local. Del din que era bo home, e tamén un pouco inxenuo porque non fuxiu, non se agochou, ficou na súa casa pensando que non irían a por el porque non fixera nada malo nin nada ilegal. Non había razón para acusalo de nada, e aínda así morreu «por hemorraxia interna producida por tiro de arma de fogo», como di na acta de defunción.

Cando menos, agora, devolvéronlle o seu nome.