Ler en galego

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

bernardo codesido

11 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ler supón un esforzo que só se vence co costume. Todos escoitamos desculpas para non ler, dende que lle doen os ollos ata ter que cambiar as gafas. A máis rara que escoitei foi a de non ter tempo. En troques quen ousa empregar algúns minutos na lectura cada día non soe dar escusas tan pouco cribles.

Cando o asunto é sobre ler en galego, o subterfuxio dos pouco lectores ampárase en cousas tan absurdas como que non entenden o galego moderno, e entón un non sabe que dicir, pois mentres hai quen pensa que recuperar o idioma que nos é propio é un retroceso que nos devolve ó século XIX e só serve para entendernos con catro vellos que non tiveron escola, outros aconsellan que mellor sería que escribísemos todos en castelán porque hai máis mercado. Non paga a pena discutir con ninguén da riqueza dun idioma, aínda que sexa tan minoritario como o yuchi, unha lingua que, hai 15 anos, só a falaban cinco anciáns nativos de Oklahoma. Imaxinádevos que é dela hoxe.

Cando unha lingua está en risco (e o galego estao) necesita dun compromiso de defensa, dun uso constante e diario na educación, nos negocios e nos medios de comunicación, o cal non significa que non se aprendan os outros idiomas cos que convivimos. Tamén é necesario recoñecer as distintas variantes fonéticas e de vocabulario que cada bisbarra ten. Pero o apoio principal é recoñecelo e usalo. Aínda lembro a un amigo que me confesaba, cando andábamos a mocear, que non sabía dicir palabras de amor en galego, de tan acostumados que estábamos a oír só as das películas. E non creo que sexa só cousa miña que, cando miramos unha película mexicana, se nos escapen moitas frases pronunciadas baixo os acentos propios. Sen embargo iso non evita que leamos a autores suramericanos aínda que de cando en vez teñamos que botar man dun dicionario para saber que son os gallinazos ou a frazada.

Cada bisbarra ten as súas variantes, e se a min me sinalan o uso da gheada, o seseo, o cheísmo ou as terminacións en «in» dalgúns verbos, tamén a nós nos parece raro que en Ourense lle chamen mao á man, o cal non nos impide ler e falar con ourensáns sen atrancos.

Lembro isto porque son moitas as persoas que, sendo galego falantes de toda a vida, din que non len en galego porque non o entenden, e entón, cando presumen de que, a pesar diso son bos lectores, pregúntolles se leron algunha vez a Aldecoa ou a García Márquez sen botar man dun dicionario, por non falar dos escritores do barroco e sen contar con autores como Valle-Inclán, que se permitía o luxo de inventar palabras e todos llas entendemos.

Podemos admitir a desculpa, pero non que se culpe a outros das nosas faltas. Todos os idiomas teñen formas dialectais que o mesmo contexto dunha frase xa nos aclara sen necesidade de perder o tempo consultando Google.

Teño a sorte de coñecer a señoras hoxe xubiladas, que deixaron a escola cando souberon as catro regras e garabatear o seu nome, que se animaron a ler en galego e non din nada diso de que non o entenden, e incluso teñen autores preferidos que devoran e degustan con verdadeiro pracer.