Jorge Pérez, autor por sorpresa: «Ningún dos meus amigos se esperaba que escribise un libro»

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

O barbancés nun camiño que une Carreira e Aguiño, un dos escenarios que inspirou a historia.
O barbancés nun camiño que une Carreira e Aguiño, un dos escenarios que inspirou a historia. CARMELA QUEIJEIRO

O ribeirense deu vida a unha obra infantil baseada en lendas como a Santa Compaña

25 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A riqueza da tradición galega é un dos grandes tesouros da comunidade autónoma, coñecida polos miles de meigas, mouros e espíritos de todo tipo que viven nesta terra. Para que os máis pequenos da casa coñezan como son estes seres e intenten evitar un encontro non desexado con algúns deles, o ribeirense Jorge Pérez escribiu un libro sobre Brais, un pequeno de 8 anos que conecta de maneira especial cos costumes do fogar de Breogán.

O magosto é a festa por excelencia do outono e con ela comeza o barbancés a obra. O protagonista goza dos días de celebracións comendo castañas cos seus compañeiros da escola e decorando as paredes do centro educativo con debuxos tinguidos de cor e lembranzas inesquecibles. Aínda que o autor non desvela moito do argumento, pois trátase dunha creación de algo máis de 20 follas destinada ao público infantil, confesa que a avoa do menor ten un papel especial na historia.

Dalgún xeito, explica, serve de nexo entre as tradicións do pasado e as do presente, que cada vez están máis integradas coas festividades traídas dos Estados Unidos. Fronte ao «truco ou trato» que pouco a pouco foron impoñendo as películas norteamericanas, o autor reivindica as esmolas que os nenos de antes pedían para os defuntos: «Miña avoa contábame de pequeno que antes ían polas casas para que lles deran castañas e doces»

Pérez non esconde que Brais ten unha parte del, sobre todo desas lembranzas que vinte anos despois non pode esquecer: «Supoño que agora se segue facendo nos coles, pero daquela era unha época moi especial do ano o magosto». Igual que van pasando as páxinas dun libro, os acontecementos vanse sucedendo na historia ata que o pequeno e os seus amigos se atopan de súpeto coa Santa Compaña.

Talento inesperado

A partir de aí as cousas empezan a non marchar tan ben para este grupo de rapaces, aínda que o final da historia queda para aqueles que se lancen a por esta entretida narración que, a parte de facer latexar a ritmo acelerado o corazón dos lectores, tamén supón o primeiro salto ao mundo da arte do ribeirense: «Ningún dos meus amigos se esperaba que eu escribise un libro, pero sempre foi algo que me fixo ilusión».

Nunca se coñecen de todo as esperanzas máis escondidas dun ser querido, mais neste caso cabe dicir que nin o propio autor pensaba que isto fora chegar tan lonxe. A idea naceu coma un pequeno texto, un relato curto como os que lía nos meses nos que se lanzou sobre o papel, pero «empecei a darlle forma e cando chegara ao final que tiña pensado decateime de que tiña que seguir, de que a historia non podía acabar así».

As pequenas faíscas de inspiración asaltábano en calquera momento, sobre todo no traballo. Daquela o ribeirense estaba empregado nunha fábrica da zona nun área na que adoitaba pasar o día só. Isto permitiulle ter moito tempo para pensar: «Moitas veces estaba desexando que chegase o descanso para poder correr ao teléfono móbil e anotar as cousas que me ían vindo á cabeza».

Sacar adiante a obra tamén foi un acto de fe en si mesmo por parte do barbancés, consciente de que o primeiro ingrediente na receita do éxito é ter a autoestima suficiente como para presentar a súa creación ao seu círculo máis próximo: «Deillo a ler a algúns amigos que pensei que podían facer unha crítica construtiva». Despois de repasalo el mesmo «centos de veces», O magosto de Brais agarda impaciente no caixón dalgunha editorial que queira apostar por unha historia diferente.