Cardeñosa, adestrador do Boiro: «Está nas nosas mans ascender e hai que ser optimistas e desfrutar»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cardeñosa dirixiu a súa primeira sesión de adestramento coa vista posta no Sigüeiro.
Cardeñosa dirixiu a súa primeira sesión de adestramento coa vista posta no Sigüeiro. MARCOS CREO

O novo técnico do conxunto barbanzán coñece aos xogadores e destaca a calidade do grupo

25 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Rodríguez, Cardeñosa, xa se puxo aos mandos do Boiro e dirixiu a súa primeira sesión como adestrador en Vista Alegre. É consciente da situación do equipo e afronta o reto con «ilusión e optimismo», afirma. Tamén de que non dispón de moito tempo para facer unha revolución táctica, pero si ten a súa concepción do fútbol e con ela traballará.

—Como afronta estas catro xornadas que restan?

—Entendo que se neste momento houbo un cambio como este era porque algo estaba fallando. Eu inicio o meu traballo e sei que tacticamente non se poden, ni pretendo, cambiar moitas cousas porque sería un erro. O que hai que mudar é a enerxía, xa que vese que as sensacións non son boas e a xente non leva o día a día da mellor maneira. Se miras a situación de hoxe é boa, o importante e cambiar a mentalidade. Está nas nosas mans ascender e hai que ser optimistas e desfrutar.

—Aínda que xa firmou tamén para a próxima tempada o obxectivo do club é o ascenso, polo que esa presión tamén estará presente.

—Todos somos conscientes de que o Boiro ten capacidade para subir e asentarse na Terceira. A esixencia está aí, pero eu prefiro ter esa presión por subir que por estar pelexando para saír do descenso ou non xogarse nada. Esa esixencia faiche ser mellor e traballar aínda máis.

—Como dixo, dependen de si mesmos para subir e é máis que factible conseguilo.

—No fútbol, como na vida, pode pasar de todo. Sabemos iso e sabemos que hai posibilidades de que saia mal, pero pensar niso antes de que suceda non axuda, ao contrario. Os xogadores van estar máis atados e o rendemento será peor. Estou convencido de que o Boiro está capacitado de sobra para dar o salto.

—Coñece a casa e a gran parte dos futbolistas, cal é a súa valoración do equipo?

A priori, é un grupo que da para cumprir os obxectivos, aínda que logo hai que demostralo no verde. Con moitos dos futbolistas xoguei, a outros os adestrei cando eran pequenos e ao resto os coñezo de xogar contra eles. Son moi bos rapaces e iso é importante.Falei cos capitáns e transmitiron que teñen moitas gañas e ilusión.

—A pesar dos últimos resultados, tanto a anterior campaña como nesta o Boiro destaca pola solidez defensiva, un aspecto polo que parece non terá que preocuparse.

—A cuestión é ter equilibrio, porque se defendes ben e non fas gol e difícil sacar puntos, e viceversa. Na cuestión táctica eu teño o meu fútbol e intentarei adaptarme á situación. Os futbolistas teñen capacidade de sobra para xogar e hai que ser máis agresivos.

—No ataque si que faltou acerto en moitas ocasións, que é preciso tocar para mellorar?

—Algunhas cousiñas cambiaremos, pero é necesario ser máis valentes, ambiciosos e ter máis personalidade e non medo a perder. Se xogas co temor de perder o gañado, vai ser peor. Todo depende da perspectiva coa que ti vexas as cousas. Podes ver que fai un mes parecía feito e agora estamos nun problema ou que o temos nas nosas mans e dispoñemos das ferramentas para conseguilo e saír a por todas.

—Conta co cariño dos seareiros e hai moitas expectativas, é tamén unha responsabilidade?

—Estiven moitos anos en Boiro e sempre me trataron de marabilla. Barraña é moi esixente e tamén moi agradecido. Valora o talento, a garra, que a xente estea enchufada. A min sempre me quixeron ben polo traballo e sentir as cores. Os xogadores teñen que aproveitar iso e, entre todos, conseguir o obxectivo.

—O máis inmediato é o partido contra o Sigüeiro, ao que coñece ben. Que destaca do rival?

—Non podo dicir nin media palabra mala do Sigüeiro. Teño moi boa relación. Hai que ver partidos e preparar o plan. O domingo espero que saian as cousas ben e celebremos a vitoria e, despois, deséxolle o mellor ao Sigüeiro. É un equipo con xente nova e con talento, que imprime moito ritmo e dinamismo.

—Considera que este encontro pode marcar a liga?

—Está claro que é un partido importante en todos os sentidos. Gañando poste nunha boa situación e se perdes complícanse as cousas, aínda que non estaría todo perdido porque quedarían tres xornadas. Hai esixencia, pero hai que desfrutar. A min eran os partidos que me gustaba xogar.