Os bicos de Elvirita a Laverca

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

Raúl Caro | EFE

O carneiro estaba dotado dunha boa cornamenta: dous cornos con forma do guiador dunha bicicleta de carreiras da época de Bahamontes

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de tres décadas indo á pesca do bacallau, baixo o liderado do seu curmán Henriquiño Docachu, ás xeadas augas do mar de Terranova, o Pichalro das Escobas decidiu retirarse. Naquelas inhóspitas paraxes do Atlántico Norte, viu unha vez a morte cerca. Foi un día ventoso cando caeu no cope do aparello, de onde o rescataron case sen vida. Ao desembarcar comunicoulle á compañía o seu desexo de ficar en terra. Decidiu instalarse no seu val natal, pero na outra banda do río, en fronte de onde vivían as súas irmás máis vellas. Estableceuse na rúa dos Tirabeques e converteuse en fiel cliente da Barranxuda, unha tasca preto da súa vivenda, ubicada no cruceiro do barrio do Corrollito. Ademais, trabara amizade co taberneiro, o vello roñón Balbino o Carracho, que lle fiaba cando quedaba sen cartos.

 

Na baiuca do tarambaina Balbino estaba a mañá do primeiro sábado da recén estreada primavera, sentado nunha mesa fronte a unha cunca de viño do Ribeiro. Contáballes a tres homes unha historieta que protagonizaran dous compañeiros que tivera no seu derradeiro barco. Tratábase dos túzaros Tarracidos: dous irmáns xemelgos de Lisón, considerados infernais, pois non tiñan parada e sempre estaban latricando e argallando algunha inesperada trastada ou maldade.

Segundo relataba o Pichalro, estes dous paxaros na compaña doutros veciños de Lisón, desprazábanse algunhas veces até Pontenavera, na Corredoira Ancha, para visitar a Filiberto o Carullán. Este gardaba dun rabaño de 12 ovellas e un castrón: o Caraneghra, nun amplo brañal que se abría cara ao sur un pouco máis abaixo da súa casa. O carneiro estaba dotado dunha boa cornamenta: dous cornos con forma do guiador dunha bicicleta de carreiras da época de Bahamontes. Naquel húmido e verdoso campo rodeado de ameneiros, xogaban e envorcallaban sobre a herba, ao mesmo tempo que vixiaban os movementos da fermosa Elvirita a Laverca. Mentres os mozos chiaban, berregaban e brincaban, a prima do Carullán, que vivía na casa do lado, non deixaba de balancearse na peringolla e víanselle as bragas, o que toleaba á rapasada.

Tomou alento o Pichalro. Refrescou o garneato cun grolo de viño. Despois dun suspiro reiniciou o seu discurso para dicir: «Pois ben. Unha tarde do mes de xuño, a un dos Tarracidos, o coñecido coma o Fenómeno, ocorréuselle pórse de costas cara ao Caraneghra, na posición do xogo das churrasburras. Cando empezou a mirar para atrás por entre as pernas, decatouse de que o animal enfilara a toda pastilla contra del. Non puido reaccionar. O Caraneghra encuouno e botouno polo aire uns dous metros. Houbo moitas risas e a última voz en pechar as risotadas foi a de Elvirita. Que logo engadiu: «Ao que voe máis polo aire, a ese doulle un bico na boca».

Tomou unha pausa o Pichalro e un novo grolo. E despois continuou así: «Con motivo da promesa da fermosa prima do Filiberto, todos querían pasar pola cornamenta do Caraneghra. Cando un se puña co cu cara ao castrón, os outros berregaban: “aí o vén, aí o vén…» e despois dun voo de dous ou tres metros afociñaban na herba. Gañou un dos Tarracido e recibiu o bico de Elvirita e foi ardendo para Lisón. A Laverca, que se divertiu moito, prometeu outro bico para a seguinte xornada, na cal unha numerosa tropa de rapaces se xuntou no brañal de Filiberto. O carneiro estaba mosca e tiña as orellas neghras arrichadas. O Fenómeno Tarracido gañou a rolda de trucadas. Brincou polo aire uns tres metros e recibiu o bico de Elvirita. Púxoo coma un cabuxo.

No terceiro encontro, contou o Pichalro, nin risas, nin se chegou celebrar porque «o Carullán, que estaba perdidamente namorado de súa prima, agarrou un tremendo rebote e arroupado polo castrón arreoulle unhas patadas a un de Lisón que se quixo propasar coa súa princesiña. Ameazou os demais veciños de Lisón e estes fuxiron a correr. Nunca máis volveron. Filiberto casou con Elvirita e tiveron dous fermosos nenos». Rematou o conto o Pichalro que, seco de sede, pediulle outra cunca de viño ao fungón do Carracho.