Unha erupción pretérita

Jose Lires

BARBANZA

CEDIDA

Galicia é un territorio libre de posibles manifestacións volcánicas

28 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a cociña chégame a voz alporizada da miña nai: «Furacáns, terremotos e agora outra vez os volcáns!». Atópoa de pé fronte ao televisor asistindo enfeitizada a un espectáculo de pirotecnia natural: columnas ardentes de rocha fundida trousada polas fendas da codia. «O inferno na terra! Pobre xente! Menos mal que Islandia quédanos lonxe! Aquí non teremos diso, verdade neno?” —interrógame desacougada—. Con certeza, non. Galicia, e por extensión toda a Península, na actualidade é un territorio libre de posibles manifestacións eruptivas. Pero isto non sempre foi así —puntualizo alimentando a súa curiosidade.

Ofréceme un café como adoita facer en cada visita esperando, impaciente, que lle relate algún dos traballos dos meus compañeiros xeólogos: «Esas persoas afanadas en visualizar nas rochas o pasado, salvando as distancias —apostila sempre para non me amolar— como os adiviños o futuro nas súas bólas de vidro». Sorrío ao lembrar a ocorrencia e comezo a falar sen dilación.

Territorio afundido

O episodio que lle describo aconteceu no período Ordovícico hai uns 477 millóns de anos. O noso territorio estaría afundido, integrado na plataforma continental dunha terra de nome exótico, Gondwana, situada no Polo Sur.

Eran tempos axitados: as placas tectónicas separábanse facilitando a apertura dun océano e a súa deriva provocaba a aparición de relevos similares aos arcos de illas volcánicas do Xapón. A vida desenvolvíase con profusión en mares pouco profundos, mais xa, dalgunha maneira, aqueles animais invertebrados estaban a argallar a colonización da terra firme. E, tras eles, aparecerían as primeiras plantas. As erupcións sucedíanse no Planeta enviando partículas e gases á atmosfera.

En distintos lugares de Galicia temos testemuños desa actividade efusiva manifestada agora en rochas maquilladas por intensos episodios de metamorfismo buscando ocultar a súa orixe volcánica. O clima tropical imperante, favorecido pola alta concentración de dióxido de carbono, ía mudar de maneira drástica ao final do período cara a unha glaciación provocando a primeira gran extinción na Terra.

Evento colosal

Así as cousas, produciuse un evento de dimensións apocalípticas: unha erupción tan colosal que relegaría á categoría de anécdota o episodio do Vesubio en Pompeia, ou o do Pinatubo nas Filipinas. Os científicos validaron a súa hipótese baseándose en mostras recollidas en afloramentos de arxilas, en diferentes puntos do noroeste peninsular. Todas proporcionaron unha idade similar e dispoñíanse en estratos relativamente distantes uns doutros o cal, xunto co volume dos depósitos, daba conta da magnitude da erupción.

Atopar restos do edificio volcánico ou anomalías gravimétricas na codia que o delatasen resulta unha quimera. Mira que curioso, nai —dixen forzando un chisco o relato—. O caolín empregado na fabricación da cunca onde tomas o leite, a que mercaches de recordo en terras asturianas de Belmonte, podería ter orixe nas cinzas lanzadas polo volcán.

Antes de saír á rúa mirei de volta cara á vella. Ela abriu a arca do recibidor e, con xesto irado, guindou dentro a cunca de porcelana. Entendín aquilo como un acto calibrado para esconxurar os malos augurios. Morra o conto!

 O andel: O poemario ciberpunk 

Texto de Román Arén

Con este poemario acadou Manuel López Rodríguez o XXVI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Dende Antítese nativa, de 2008, é o décimo segundo libro de poesía do autor noiés nado en 1978. A contracapa define así o volume: «é un exercicio arquitectónico de ambiente ciberpunk onde o ser humano cre recoñecerse».

Neste conxunto de 28 poemas conviven dúas voces, dous eus líricos que se complementan, unha de ton máis impersoal e dominante e outra máis lírica, convivindo coa primeira en 12 textos, sinalada en negriña para distinguila, unha carta (Escríboche esta carta desde o soño que me atormenta: regreso unha e outra vez á mesma praia), buscando o contraste entre o natural e o urbano, dominada a cidade polo control (unha cámara observa o desenlace nas alturas a xeito circular). Alienación (Á miña esquerda o silencio da madeira apodrentada, a sensación / de atadura / o pó varrendo a rúa), fronte á procura do esencial, da cerna da vida verdadeira (o paxaro aniñando a carón de nós, eu procurando a substancia / primixenia (humana), o / furado na area…).

Este contraste na visión dá densidade ao poemario, logra maior complexidade, aínda que perviva a opresión ambiental (Certa alarma / precede a noite…), para concluír con certa indeterminación: Na incoherencia fico.

«831-urb» Manuel López Rodríguez

Xerais (Vigo, 2024)

64 páxinas