Luminosa e radiante mañá de domingo

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

Ana Garcia

As flores tráennos murmurios que nos falan ao oído das antigas choqueiradas: carros e carretas con arcos floreados de ramos amarelos destas acacias

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo. O primeiro do mes segundo. Dous días despois do casamento dos paxaros e da Candeloria. Viaxamos ao país veciño na compaña duns amigos. A mañá era luminosa e estaba sosegada. Eran sinais sen dúbida de primavera nun tempo que seguía sendo de inverno. Cando entramos na Ponte de Rande cegounos o resplandor do sol sobre o espello azul e gris do mar de Vigo, que reflectía un ambiente de calma, de paz, baixo un ceo sen gaivotas. Polas marxes da ría esténdese unha variada e extensa rede de construcións. Numerosos coches circulan nunha dirección e tamén na oposta. Non hai barcos navegando dentro do marco da nosa visibilidade.

Pasada a ponte da fronteira e xa en terras lusas, na esquina dunha finca, brilla a cor amarela dun bosquiño de mimosas. As flores tráennos murmurios que nos falan ao oído das antigas choqueiradas: carros e carretas con arcos floreados de ramos amarelos destas acacias. Son as primeiras flores do inverno, son as flores do entroido. Lembrades, vellos compañeiros, cando engalanabamos as nosas carrilanas para ir presumir delas á aldea de Ferreiros? Aínda agora, nestes nosos días, moitos adornan con estas bonitas e aromáticas flores os tractores e matraquillos, sobre todo no día que van aos enterros do óso ou da sardiña.

Atravesamos despois pequenas e coquetas vilas antes de parar en Caminha, a antiga poboación amurallada que protexía a desembocadura do lado portugués do noso río, o noso pai Miño, en cuxo leito se mira de reollo o pico de Santa Tegra, que proxecta a súa sombra protectora sobre a Guarda e Camposancos.

Baixo unha luz branca e envoltos nun aroma mariño, tomamos unhas cervexas na acolledora praza central da vila, ateigada de xente sentada nas terrazas, mentres os cativos se divertían xogando ao arredor dunha fonte de granito. Logo dun opíparo xantar, regresamos a Boiro, despois de facer unha fugaz visita á fortaleza de Valença.

Cando aterramos na casa, sentímonos cansados. Talvez foi así pola proximidade do día no que naciches: o 6 de febreiro do 49. Alcanzamos a idade de 75 anos. E pensaches: «Xa vivimos tres máis ca ti, nosa vella querida, que te nos marchaches con tan só 72. Polo demais, nosa nai, temos unha dor permanente nas costas, que aumenta de intensidade cando veño de traballar nas viñas que nos legaches en herdanza. Como ben sabes, tamén nos pesa a nosa crónica falta de valor e concentración. Si. Como ves, todo nos cansa. Gustaríanos, nosa mai, que viñeses no noso auxilio, ti, que xa nada podes facer. Mais con só poder escribirche estas liñas, animámonos a seguir adiante. Dannos forzas para acoller o cansazo como algo beneficioso, favorable, e inclinámonos diante desta vida para beber a luz que esparexe sobre nós, para gozar desta claridade invernal dos primeiros días de febreiro, tal como facían os animais cando aproveitaban a auga da choiva para apagar a sede».

Esquecéusenos de che dicir que agora xa non tememos os días de seca do estío, aqueles cando o vento do nordés levantaba enormes poeirentas nas eiras, nos camiños e nas pasantías e mesmo entre os milleirais. Naqueles afastados tempos, o noso cura imploraba a Deus que, aínda que fose de paso, nos enviase un chuvasco furtivo para amortecer o po que o gando levantaba cando o trasladabamos ás ladeiras do monte para pacer.

Naqueles inesquecibles intres, a nosa tristeza, e a dos nosos sufocados cadelos, curábase cando ficabamos pasmados contemplando a beleza da herba, que cimbraba, brillaba e danzaba, baixo unha radiante luz e a brisa que descendían desde o Alto das Forcadas. Nese breve pero intenso intre, o mundo cobraba para nós un sentido novo, un novo aspecto, talvez moito menos triste. Mesmo os nosos cans erguían alegres as orellas, antes abatidas e encollidas.