A crueldade dos Herodes modernos

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

CHRISTOPHE PETIT

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Soa na gramola que levas dentro unha antiga canción. É a música dos días e algunhas veces tamén é a das noites insomnes. E entón lémbraste daquel vello amor que se foi hai uns cantos días. E choras en silencio. Instante triste e solitario. E faiche recordar a brisa do mar, aquela que, procedente da praia nos solpores do verán, gateaba pola corredoira coma se esta fose o corpo dunha muller tombada mirando para o ceo brillante e azulado. O aire morno ascendíalle pola pel e chegáballe até a pube. Naquel triángulo afelpado de bello rubio estaba sentado case sempre o Pintuco xa ancián, xusto debaixo do cruceiro que aínda arestora se eleva na testa da súa horta. Alí, un refacho desviábase pola perna dereita cara ao Espiño, subía a corredoira cega e acababa diante da capela do Santo Sanmartiño. Outra desviábase pola esquerda até a curva dos Catuxos, onde se dobraba polo xeonllo para refrescar o pé na auga da fonte dos Ricos.

 Ollabas para o mar desde Tarrío cando rematou a melodía. E entón sorprendeuche esoutro que sempre che acompaña cando vas á viña de Lara e espetouche na orella: «Ao fío da noite, cando regresabades para a casa desde a taberna dos Cacharros, quedastes parados cando oístes uns leves e lentos pasos. Baixaban polo carreiro do monte que desembocaba na casa de Sofía. Escoitabádelos, mais non se deixaban ver nin se aproximaban. O muíño estaba calado. Logo, aínda que temerosos, avanzastes un treito do camiño. Pero diante da casa da Carmona, sentiches que unha voz chamaba por vós. Procedía do lavadoiro que había na revolta do regueiro, ao lado da braña do señor Claudio. Lacrimosa e laionosa, non recoñeciades aquel fiúncho de voz. Pensastes que talvez era a da veciña que alcumaban a Armadansas, por ser tida por unha grande trafulqueira. A muller acababa de ser soterrada no cemiteiro de Abanqueiro. Talvez andaba agochada polas marxes sombrías do regato penando os moitos pecados que dicían cometera».

 Desde cerca do lavadoiro de Trebonzos miras para a calma gris dun mar que adiviñas arroutado polo fondo. De súpeto caes na conta de que xa estamos en Nadal. Lémbraste de Terra Santa. Entramos, pois, no tempo do Mesías. Mais meditas que arestora non, que agora é o tempo da guerra, da violencia, da morte. Evocas os ollos abertos dos nenos e nenas abatidos polas balas dos elixidos. Aló no que eles chaman Terra Prometida, hai 21 séculos veu ao mundo un Neno para proclamar o reino da graza, do amor. Para que aprendésemos a vivir en paz. E deseguido, recordas que talvez sexa este o motivo polo que os lobos e os cans non deixan de ouvear desde que cae a noitiña até que rompe no horizonte a crúa luz do amencer.

 Pasa o medo dacabalo do vento entre os piñeiros das Estivadas. Pasa silencioso, sen facer ruído para «non espertar os cadáveres dos mortos inocentes que fican sen soterrar entre os cascallos e nas rúas diante do seu desprezo e a nosa culpable indiferenza», comentas en voz queda. Pasa o medo que asolagaba os ollos dos máis indefensos, dos máis pobres, uns desgrazados que só posúen un corazón dentro dos seus escuálidos corpos. Sobre a inconsolable tristura do deserto brilla a beleza dos derrotados. Avanzan ameazados polos artefactos de guerra máis sofisticados que temos posto nas mans dos elixidos, eses que adoran un deus sen piedade, demoníaco, ao que se aferran coma se fose o seu antigo Mesías.

 Repenican ao lonxe as campás da igrexa de Cespón. Repican polo funeral dos meniños de menos de dous anos que os modernos Herodes israelitas liquidan a distancia, coma se cazasen ratas. E o Neno Xesús, que nos traía a nova boa de paz entre os homes de boa vontade, chora desconsolado no humilde presebe de Belén.