Ricardo Vilas Quintáns e Manuel Hermo Vidal, os mártires recordados neste 17 de agosto

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Boiro e A Pobra celebraron dous actos para homenaxear aos represaliados

17 ago 2023 . Actualizado a las 21:36 h.

O 17 de agosto é unha data marcada con letras de sangue na historia de Galicia. Ese día, en 1936, foi asasinado na Caeira o intelectual e político galeguista Alexandre Bóveda, e desde ese momento converteuse nun símbolo da represión tralo golpe militar que derivou na Guerra Civil e a ditadura posterior. Por iso, cada verán se conmemora a súa morte e a de todos os represaliados no Día da Galiza Mártir, que este ano homenaxeou en Barbanza a dous homes que perderon a vida por defender a democracia: Manuel Hermo Vidal e Ricardo Vilas Quintáns.

Na xornada deste xoves celebráronse na bisbarra dous actos con motivo do Día da Galiza Mártir. O primeiro tivo lugar na vila pobrense, cunha ofrenda floral na escultura pola memoria histórica situada nos xardíns Valle-Inclán. A homenaxe estaba dirixida ao conxunto das vítimas da ditadura franquista e a quen defenderon a democracia, pero a concelleira Patricia Lojo quixo facer unha mención moi especial a Manuel Hermo. El era alcalde substituto da Pobra no momento da sublevación militar de 1936 «e foi brutalmente torturado na nosa vila polos falanxistas e despois condenado a unha morte sempre inxusta». Por la súa parte, o rexedor, José Carlos Vidal, que recordou a figura e sensibilidade de Bóveda no aniversario da súa morte.

Veciño de Treites

Pola tardiña, e como ocorre todos os anos, a rotonda de Cimadevila, na entrada de Boiro, foi o escenario doutra homenaxe. No monumento que hai na glorieta inscribiuse un nome máis, o de outro do mártires que perderon a vida durante a guerra e a ditadura: Ricardo Vilas Quintáns.

Ante a presenza dos seus netos, Xosé Deira relatou a historia deste veciño de Treites, labrador e carpinteiro que foi asasinado nas primeiras semanas tralo golpe militar.

Vilas non militaba en ningún partido, pero si que era afín e colaborador co goberno local durante a República, e foi un dos participantes na voadura do viaduto de Pontebeluso coa que os veciños tentaron frear o avance do exército tralo alzamento militar. Despois disto, foi perseguido e andou escondido polos montes da zona, ata que un mal día tropezou cun veciño que o coñecía e confioulle que esa noite a pasaría nos muíños da Arribada. Este delatouno aos falanxistas e, na madrugada, 30 persoas atopárono e matárono. Era o 2 de setembro do 36.

Este relato coñécese a día de hoxe, e sábese incluso quen realizou os disparos, porque se deu a coincidencia de que unha das persoas que presenciou o asasinato coincidiu no exército, durante a batalla de Teruel, con un dos fillos de Ricardo, Manuel, que fora reclutado polos nacionais e non lle quedou outra que ir á guerra.

Os restos de Ricardo Vilas repousan no cemiterio de Cespón, pero na lápida non figura o seu nome, que dende onte si que loce no monumento aos mártires represaliados que preside a rotonda de Cimadevila.