«Sobre o mal que fai o tabaco», de Chéjov, hoxe no Salón García
VILAGARCÍA DE AROUSA
O monólogo, con entrada de balde, corre a cargo da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada
19 abr 2024 . Actualizado a las 15:13 h.A Unidade de Produción da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada escenifica esta tarde, desde as 20.30 horas no Salón García de Vilagarcía de Arousa, o monólogo Sobre o mal que fai o tabaco, do dramaturgo ruso Antón Chéjov.
Adaptada e dirixida por Santiago Cortegoso, da compañía Ibuprofeno Teatro, a peza arrinca cun home que comeza a dar unha conferencia sobre o dano que causa o tabaco, para remtar ofrecendo unha confensión sobre a súa triste vida conxugal e familiar. Unha historia que dotará de vida o actor estradense Gonzalo Valcárcel, ex integrante do grupo vilagarcián Clámide, e que contará cunha ambientación musical singular. E é que con Valcárcel presentaránse nas táboas do Salón García outros tres artistas da súa terra, membros todos do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso. O clarinete de Juan Núñez, a guitarra e percusión de Pablo Bernárdez e o contrabaixo de Manuel Castedo envolverán a historia en acción, axudando a redondear a atmosfera creada pola dirección de Santiago Cortegoso e as táboas do seu único actor.
Dentro da programación cultural do Concello de Vilagarcía, a entrada para Sobre o mal que fai o tabaco é de balde ata completar o aforo do Salón García.