Recuperar unha vida esquecida

ROMÁN ARÉN

PONTECESURES

31 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova biografía da investigadora Aurora Marco, neste caso a recuperación dunha vida esquecida, a de Carmiña Sierra (1906 ? 1996), a primeira muller que ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1923. A biografía, produto dunha investigación feita con rigor, estrutúrase nun limiar e cinco capítulos, que percorren a andaina vital de Carmiña Sierra dende o seu nacemento en Valga ata a morte no exilio en Venezuela. Explícanos as orixes familiares en Pontecesures e os seus estudos na Compostela dos anos vinte, logo os estudos en Madrid, o seu compromiso como docente coa II República e a súa militancia no PCE, a derrota dos ideais e a desfeita vital, o seu retiro na Granxa María Dolores en Pontecesures entre 1939 e 1946, época na que colabora na resistencia antifranquista e na famosa Operación Termópilas, o que leva a investigadora a precisar e corrixir datos históricos de Suso de Toro en Un señor elegante. O capítulo cuarto abrangue os anos 1946-1949: a estadía no cárcere de Ventas e o consello de guerra. Ao saír do cárcere traballa en Madrid, e logo o exilio venezolano. Cantas cousas nos quedan por saber dos terribles anos corenta. A biografía está realizada coa ben coñecida competencia investigadora de Aurora Marco, estudosa esencial do papel das mulleres na cultura e na sociedade galegas.

«Carmiña Sierra»

Aurora Marco

Ed. Alvarellos (Santiago, 2023)

226 páxinas