O Grove programa unha cita cos xogos populares na rúa Jaime Solá

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Cedida

A sesión terá lugar o martes, 18 de xullo, con 32 propostas distintas

10 jul 2023 . Actualizado a las 20:32 h.

O Concello do Grove organiza o vindeiro martes, 18 de xullo, unha xornada de xogos populares que terá lugar na rúa Jaime Solá a partir das sete e media da tarde. A actividade, que conta coa colaboración da asociación A Madama e a Mecotaberna Pataghillón, amosará ao público un total de trinta e dous xogos, que forman parte da colección da concellería de Xuventude, e farán as delicias dos asistentes.

Cabe lembrar, que estes pasatempos adoitan causar furor, sobre todo entre as familias que fan turismo na localidade, polo que son unha boa opción para pasar o tempo de ocio. Serán tres horas de diversión ao aire libre, xa que a actividade está previsto que remate ás dez da noite. Segundo apuntan dende o Concello, a montaxe do evento causará a interrupción do tráfico entre as seis e media da tarde e as dez e media da noite. Non se poderá circular nin pola entrada da rúa dende a Praza de Arriba, nin dende o cruce de Concepción Arenal, onde os residentes deberán saír cos seus vehículos cara a Rúa da Praza. Os que teñan que acceder á Rúa da Rapeta e ao último tramo de Jaime Solá deberán facelo dende a rúa Luis Seoane.

Toda esta serie de medidas estarán debidamente sinalizadas para facilitar o tránsito, segundo informan dende o goberno local. A organización desta xeira de xogos agarda reunir nesta rúa peonil a un bo número de mozos e adultos que queiran poñer a proba as súas habilidades motoras e a súa axilidade mental.