A Deputación publica a lista provisional para os campamentos de verán da Lanzada

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os proxenitores e titores legais dos nenos excluídos en primeiro termo teñen dez días hábiles desde hoxe para subsanar posibles defectos nas súas solicitudes

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra publicou onte no Boletín Oficial da Provincial (BOPPO) a listaxe provisional cos 4.075 menores admitidos e excluídos para optar a unha das 1.540 prazas nunha das once quendas dos campamentos de verán da Lanzada este ano.

Foron 3.830 os admitidos e 245 os excluídos provisionalmente. Os pais ou titores legais destes últimos teñen desde hoxe e ata o 8 de maio dez días hábiles para emendar posibles erros, tras o cal se publicará a listaxe definitiva e a data do sorteo público das prazas, que se realizará ao longo do mes de maio. A composición da lista pódese consultar na sede electrónica da Deputación, se ben cada proxenitor ou titor legal dos nenos inicialmente excluídos recibirá un SMS cun código no número de teléfono indicado na solicitude co que poder acceder ao seu expediente, ver as causas da exclusión e poder emendalas para entrar no sorteo.

Máis de 400 nenos do Salnés

Algo máis da metade dos 4.075 menores admitidos, 2.106, son dos concellos da área de Vigo, sendo 433 dos municipios do Salnés e do Baixo Ulla. Os finalmente admitidos repartiránse do 23 de xuño ao 7 de setembro en quendas dunha semana e 140 participantes nas instalacións da Deputación na Lanzada, nas que poderán gozar dunha ampla variedade de actividades de ocio ao aire libre.