Da fermosura desprezada dos estripos

AROUSA

X.A. Ochoa

Ningún xardineiro sería quen de prender un estripo, nin sequera nunha desas rotondas onde se chantan artefactos de tan pouco gusto

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde países exóticos a xente dos pazos trouxo a Galicia árbores e arbustos ornamentais: camelias, magnolios, azaleas. Esas plantas brincaron deses recintos e inzaron xardíns privados e espazos públicos, onde exhiben para todos a súa beleza. Pero por aquí tamén tiñamos plantas autóctonas que merecerían pórse a carón desas e nunha competición de fermosura —se é que niso se pode contender— se cadra ata vencerían. Non estou a falar, por exemplo, de xestas, que xa alumean en amarelo toxeiras e abas que velaí vén o maio, nin da carrasca coas súas flores en acios púrpuras, nin da carpaza que tapiza os montes pedreiros en branco, nin de toxos que vin á venda nun viveiro francés de plantas ornamentais. Falo dos humildes, escravos e desprezados estripos —estripeiro, espiño albar ou branco ou escambrón—. Non é árbore de alta montaña e crece magnífica nesta ribeira atlántica. Estes días, vaian por onde vaian no Salnés, deleitaranse co marabilloso espectáculo dos estripos ateigados de corimbos brancos, olorosos, a iluminaren forestas e matogueiras, como nun estoupido albo inmaculado. Exuberantes, sorprendentes, inigualables. Pero non lle damos mérito. Ningún xardineiro sería quen de prender un estripo, nin sequera nunha desas rotondas onde se chantan artefactos de tan pouco gusto. Imaxinen o diálogo: —Señor Alcalde, o de Parques e Xardíns, quere colocar estripos, que di que se poñen moi bonitos na primavera. O rexedor negarase aínda tendo partida no orzamento para comprar especies decorativas. E dirá que está ata alí de tanto enxebrismo e que que dirán os veciños se planta estripeiros. Se cadra, nisto pasa como noutros eidos —por exemplo no idioma— onde hai unha especie de autoodio: os galegos mantemos unha tendencia, triste, a non apreciarmos o noso. Cústanos coidarnos e valorarnos, dubidamos en utilizar o idioma materno, disimulamos o acento, non facemos por etiquetar e rotular, presentármonos, en galego. Temos unha tendencia suicida a fuxir da autenticidade. Pois resulta que o estripo fascina coa beleza de seu nesta metade da primavera —durará pouco, góceno— e é unha desas árbores que vén acompañando aos galegos en toda a súa historia. A denominación ten orixe na palabra latina stirps, —despois estirpe, avoengo— e inicialmente base do tronco dunha árbore e relacionado con ex-stirpare, que viña sendo arrancar de raíz. A explicación resulta doada: O estripo, de crecemento lento, arraiga fortemente e, por iso, é o mellor padrón ou portaenxertos para froiteiras non sei se de pebida ou carabuña; agora, sementado polos animais ou transportado polos regatos, nace ventureiro nestas terras ácidas cando teñen lentura. Pero tamén foi empregado para deslindar estremas formando sebes frondosas e impenetrables polas súas fortes espiñas. O nome científico é Crataegus, —que fai referencia á dureza da súa madeira—, monogyna, por ter un só pistilo. As flores son brancas e olorosas, agrúpanse en corimbos e chegan a cubrir a totalidade da copa. Saian estas xornadas polo rural abandonado a gozar deste espectáculo xenuíno. O froito, cun único gran, pequeno e vermello, é importante no inverno para as aves. As flores teñen uso medicinal por seren abondosas en taninos, flavonoides, aceites esenciais, triterpenos e derivados de purinas; en infusión axudan a tratar problemas de corazón e circulatorios. As baias engaden pigmentos e vitaminas e valen para marmeladas ou agregar sabor ao brandy; as follas novas son boas en ensalada. Lin en algures que os estripos eran sagrados para os celtas e que en Euskadi —onde se chama elorri zuri— din que póndose debaixo del salva dos raios, aos que tamén escorrenta das casas se se colga no lintel a cruz dunhas espiñas coa póla; e crese que a coroa de Xesús Cristo estaba feita coas súas dolorosas pugas. Marabíllense estes días coa floración do estripo.