Da animalidade inútil das guerras

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

A humanidade chega á desvergonza de considerar que existen motivos válidos para armarse e matar aos seus conxéneres

14 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O ser humano é un animal máis e, como o resto dos homínidos, territorial. Por iso vén partillando a superficie terrestre en Estados, reinos, feudos ou mesmo leiras. E para a defensa ou conquista de cada unha destas demarcacións, acode, adornándose de xustificacións, á guerra. Curiosas bestas forman esta Humanidade que chega á desvergonza de considerar que existen motivos válidos para armarse e matar aos seus conxéneres. Pero así é. E ata hai filósofos moi gabados que apoian esta conduta de feras. Hegel, por exemplo, escribiu unha retorcida e farisaica sentencia, subordinando aos individuos e a súa existencia aos Estados: «A guerra é bela, boa, santa e fecunda; crea a moralidade dos pobos e é indispensable para o mantemento da saúde moral de seu. É na guerra onde o Estado se achega máis ao seu ideal porque é entón cando a vida e os bens dos cidadáns están máis subordinados á conservación da entidade común». Ou a santa, católica, apostólica e romana Igrexa, transmisora das mensaxes de paz e igualdade de Xesús Cristo, apoiando guerras santas, cruzadas e persecucións contra infieis ou, agora mesmo, diversas concepcións relixiosas ou étnicas que manteñen a necesidade de matar aos distintos. Neste momento no mundo hai cincuenta e seis guerras activas. Por e para que?. Dende Gaza a Ucraína, que saen todos os días nos medios, pasando por Birmania, Malí, Sahel, Níxer, Tunicia, Burkina Faso, Sudán, todas con máis de dez mil persoas mortas, pero que non son portada; ou Somalia, Quenia, Siria; en fin: máis de medio cento de lugares onde uns inmolan aos outros como actividade normalizada; tal como se vén repetindo desde a Prehistoria, desde o mesmo nacemento da raza humana. Unha traxectoria que comparten todas as ¿civilizacións? en todos os tempos. O século XX, que parece que non traspasamos aínda porque non aprendemos nada del, foi especialmente insensato: Primeira e Segunda Guerras Mundiais; Guerra Civil española —que loucura máis irracional coa masacre de Guernica ou os asasinatos de retagarda ou a represión posterior ao remate das campañas bélicas—; o Gran Terror stalinista e as intervencións da URSS en Berlín, Budapest, Praga, Kabul; Irán contra Iraq; Serbia contra Kosovo; Afganistán; Chechenia; Siria; Vietnam; Corea; India versus Paquistán. E, curiosamente, en moitas destas contendas irracionais sen que houbese nin vencedores nin vencidos, só mortos. Así, por exemplo, na Segunda Guerra Mundial, que se conseguiu senón volver ao status quo?. Ou, por dicir, India contra Paquistán no 1965 —nada cambiou—; ou Iraq contra Irán: un millón de mortos, ruína e ningún vencedor. Mesmo a Guerra civil española: só trouxo atraso, dificultades para a poboación, un paréntese de corenta anos perdidos e unha Monarquía postiza. Para que serviu a Guerra civil?. As guerras para a xente do común só significan medo, morte e pobreza. E quizá, agora mesmo, tería que modificar o inicio deste artigo polo que puxen da animalidade da raza humana en xeral e devolverlle á xente do común, mulleres especialmente, a súa humanidade no senso propio de comprensión, compaixón e benevolencia cara aos demais. Non podo dicir o mesmo das clases dirixentes que, dun xeito ou doutro, provocan e consenten as guerras. Por exemplo: resulta obvio que os reitores rusos e ucraínos terán que decidirse a negociar o remate dese conflito que leva dous anos estancado; e o resto dos Estados, en vez de atizar o lume e tirar ganancias das armas vendidas, ben poderían obrigalos a acabar coas miles de mortes que se están a producir. Para que serven esas vítimas se todo vai acabar, como sempre, nun armisticio que deixará as cousas como están!. Iso si: a morte de cada persoa na guerra é algo, aparte de inútil, que non ten remedio. E vale moito máis que centos de mísiles.