Ravella organiza unha viaxe para maiores a Lisboa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A actividade está subvencionada pola concellería de Persoas Maiores

09 abr 2024 . Actualizado a las 09:43 h.

O Concello de Vilagarcía organiza e subvenciona unha nova viaxe cultural de cinco días e catro noites de duración destinada ás persoas maiores do municipio. A excursión, a realizar entre o 26 e o 30 de abril, terá como destino principal Lisboa, aínda que o programa inclúe a visita a outras localidades como Nazaré, Óbidos, Sintra e Peniche. A viaxe ten un prezo de 315 euros por persoa en habitación dobre e pensión completa. O prezo inclúe os traslados, as visitas, guía acompañante e seguro de viaxe.

A Concellería de Persoas Maiores subvenciona a actividade, o que reduce a cantidade a abonar polos participantes. Ofértanse 55 prazas —un autobús completo— que se asignarán por orde de inscrición. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, a adxudicación realizarase mediante un sorteo público a celebrar o 15 de abril. Coas persoas que non obtiveran praza crearase unha lista de agarda para recorrer a ela en caso de producirse baixas.

Os requisitos para poder participar nesta viaxe son ter 65 anos cumpridos e estar empadroado en Vilagarcía. No caso que o solicitante vaia cunha persoa acompañante, esta tamén deberá cumprir os mesmos requisitos de idade e de empadroamento.

O prazo de inscrición vai do 9 ao 12 de abril e as persoas interesadas en participar na viaxe deben dirixirse ao departamento de Persoas Maiores, en horario de 9 a 13 horas, para formalizar a solicitude.

Esta actividade inclúese no programa anual de viaxes culturais que organiza o departamento que dirixe Tania García e que teñen como obxectivo ofrecer ás persoas maiores e ao colectivo de xubilados unha alternativa cultural e de ocio accesíbel as súas posibilidades económicas.