Paula Suárez e Irene Diz, do C.X. Fontecarmoa, subcampioas galegas de xadrez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

As xogadoras arousanas suman as súas segundas medallas autonómicas da temporada

04 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Xadrez Fontecarmoa sumou a pasada fin de semana dous novos motivos de alegría. Dous motivos con nomes e apelidos, os de Paula Suárez e Irene Diz, subcampioas autonómicas absoluta e cadete femininas, respectivamente, encabezando os resultados dos once xogadores da entidade vilagarciá clasificados para os Campionatos Galegos disputados no Hotel Scala de Padrón.

Paula Suárez, inda en idade xuvenil, quedou a un chanzo do título ao caer tan só na última rolda, quedando unicamente por detrás da Mestra Internacional peruana Lidia Zapata, xogadora con licenza do Club Xadrez Benchosey de Ourense.

Irene Diz, pola súa banda, rematou novena na xeral feminina, sendo a segunda sub 16 da cita autonómica tras a compostelana Nerea Cereijo.

En ambos os dous casos, as xogadoras do C.X. Fontecarmoa quedaron segundas coa mesma puntuación cas campioas de cadansúa categorías. Un gran torneo co que suman as súas segundas medallas autonómicas da temporada, logo do ouro de Paula Suárez e da prata de Irene Diz no Campionato Galego Feminino Sub 18 disputado en febreiro.

Tras o parón da Semana Santa, o club vilagarcián retomará esta fin de semana as Ligas Galegas por equipos, que chegan ao ecuador coa sexta das once roldas do seu calendario.