As mulleres da conserva darán nome ao xardín de Goday da Illa

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A iniciativa faise coincidir coa programación do 8M, que inclúe música, cine e obradoiros

28 feb 2024 . Actualizado a las 16:23 h.

O coñecido como xardín de Goday, situado ao carón das casas modernistas de A Illa, pasará a chamarse Xardín das traballadoras da conserva. O anuncio vén de facelo a concelleira de Cultura, Laura Castro, e o acordo para o cambio de nome tomarase no pleno deste venres. Trátase dun xardín moi ligado á historia da conserva na localidade que desde hai uns meses abriuse ao público para desfrute dos veciños.

«O nomes das rúas son unha ferramenta importante para que a nosa vila poida recoñecer a aquelas persoas que o merecen dunha maneira visible. Existe unha desproporción de xénero no nome das rúas e prazas que ven moi de lonxe, deixando pouca visibilidade para as mulleres, ademais da dicotomía entre o público e o privado que rexe os roles de xénero, xa que mentres que os papeis públicos da sociedade foron tomados case sempre polos homes, a esfera privada da vida como o fogar foi territorio feminino», indica a concelleira.

O acto inaugural será o 8 de marzo ás 19.30 horas e media hora despois a cita estará preto de alí, no Museo da Conserva, a conta do concerto Cantos da balea norte. Lidia Luna e Ugía Pedreira propoñen «un ferrado de oralidade, unha conversación tecida con cantos e contos entre elas e o público» mediante unha recompilación de contos e cancións acompañados de textos de Inmaculada Mengibar, Luisa Castro, Natalia Alonso, Marilar Aleixandre e Gabriel García Márquez.

Será esa unha xornada chea de actividades na Illa. Ao mediodía darase lectura a un manifesto na praza do Concello e pola noite, partir das dez no segundo andar do multiusos, celebrarase unha velada xuvenil baixo o título Dinámicas sobre igualdade.

A programación do 8M complétase cun obradoiro de xoguetes e intelixencia emocional dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos, que se celebrará o xoves 7 ás 18 horas no club de xubilados, e o sábado día 9 ás oito da tarde toca cine, coa proxección da película Thelma y Louise.