A programación teatral de Vilagarcía arrinca o sábado coa obra «Iribarne»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Geraldine Leloutre

A peza de Butacazero ten un prezo reducido de cinco euros para o público xeral

21 feb 2024 . Actualizado a las 13:17 h.

O Concello de Vilagarcía inaugura o sábado, 24 de febreiro, a programación teatral conveniada coa Agadic. Será coa representación de Iribarne, unha comedia que chega da man da compañía Butacazero e que se inspira na vida de Manuel Fraga Iribarne, o que fora ministro durante a ditadura de Franco, un dos pais da Constitución Española e presidente da Xunta de Galicia, entre outras moitas cousas. As entradas xa están á venta en www.ataquilla.com. Cun ritmo frenético, o elenco integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga vaise relevando sobre o escenario para interpretar a Manuel Fraga e contar cun ton cómico a vida e traxectoria do fundador de Alianza Popular e posteriormente líder do PP..

Como todas as representacións subvencionadas polo Concello e a Agadic, a entrada ten un prezo reducido de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para persoas maiores, desempregadas e mocidade. A venta anticipada implica a aplicación dos correspondentes gastos de xestión. De non esgotarse, as entradas tamén se poderán adquirir o sábado.