De que non existe o dereito humano á paz

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ogallá algún día se chegue a instaurar, pero hoxe é pouco máis que un brinde ao sol

24 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode ser que no Nadal vostede entoe Noite de Paz ou que, polo menos, a escoite. É unha panxoliña do século XIX escrita en Alemaña que se atribúe a F.X. Gruber, traducida a uns trescentos idiomas e, seguramente, a máis popular de sempre. A tradución española cambia a palabra silencio orixinal, por paz. Como curiosidade, no Nadal de 1914 foi cantada a coro, simultaneamente en inglés e alemán, polos soldados de ámbolos dous frontes de guerra nun intre de tregua. Aqueles soldados atrincheirados a poucos metros posiblemente expresasen un desexo de calma, de silencio, de paz para non seguiren a matarse. Non ocorreu tal cousa e volveren a coller o fusil. Apuntaron, dispararon e continuaron matando. Desde aquela séguese a cantar Noite de Paz por todo o mundo, co acompañamento de fondo de explosións, tiros, gritos, fame e desigualdades.

Despois da Segunda Guerra Mundial creouse a ONU e o primeiro precepto da súa Carta Fundacional di que pretende «manter a paz e a seguridade internacionais»; tres anos máis tarde, 1948, formulouse a Declaración Universal de Dereitos Humanos que non contén o dereito á paz. A nosa Constitución, aínda sendo de 1978, tampouco recolle o dereito á paz. No seu artigo 10 menciona a paz social e no 63 di que lle corresponde a El Rei declarar a guerra ou facer a paz. Nada máis. Tampouco está recoñecido na lei o dereito fundamental á paz.

A paz é, así, un obxectivo, un devezo, unha meta... pero nin ilusións nin desexos poden ser esixidos en ningún xulgado, nin nacional nin internacional. Os cidadáns de Ucraína —miles de mortos, trece millóns de desprazados forzosos—, Palestina —miles de mortos, o 80% da poboación desprazada forzosamente— ou Siria —miles de mortos, 14 millóns de desprazados forzosos—, por poñer, non están facultados para acudir a un tribunal, nin á ONU, nin a ningures reclamando que se baixen os canóns, que non bombardeen a súa casa ou que deixen de matar á súa xente, porque non existe o dereito á paz. Na guerra os principios éticos, os relixiosos, os bos desexos, as Declaracións Universais, o extenso catálogo de dereitos das persoas son papel mollado ou unha tristísima broma macabra. E non é que non se tentase a construción xurídica dese dereito universal á paz, pero tal iniciativa topouse coa oposición de países liderados por Estados Unidos, Reino Unido e Francia argumentando que non existen bases xurídicas para o seu recoñecemento, que ademais axudaría a movementos terroristas ou rebeldes contra certos Estados ou contra a OTANOs representantes de países en vías de desenvolvemento de América, África e Asia, pola contra, foron favorables á codificación, ao recoñecemento de tal dereito universal á paz, entendendo que só así se poderían demandar os demais dereitos humanos.

A Declaración de Santiago de Compostela de 2010 promovida pola sociedade civil internacional que impulsa a concreción da paz como dereito humano —que obviamente non é vinculante para ningún Estado— di que a paz non é só ausencia de conflitos armados, senón que implica a eliminación da pobreza, das desigualdades e da exclusión que son as causantes da violencia estrutural e cultural. O seu pronunciamento fundamental é que: «As persoas, os grupos, os pobos, as minorías e toda a Humanidade teñen dereito á paz» como condición para poder gozar de todos os demais dereitos humanos. O movemento mundial que busca o recoñecemento vinculante do dereito humano á paz levou a que no 2016, a Asemblea Xeral da ONU adoptase a Declaración 71/189 sobre o Dereito á Paz, que no seu artigo primeiro di que toda persoa ten dereito a gozar da paz de tal xeito que se promovan e protexan todos os dereitos humanos e se alcance plenamente o desenvolvemento. Pero esa declaración non ten forza de tratado e non vincula a ningún Estado. É pouco máis que un brinde ao Sol. Non se sabe se algún día se chegará a instaurar o Dereito Universal á Paz como dereito humano. Ogallá. O que non cabe dúbida é que se trata dun íntimo desexo de todas as persoas de ben. Tamén por iso en todo o mundo se canta estes días, como un desexo universal, o Noite de Paz. Aínda que, ben traducido, signifique noite de silencio.