Jéssica Bouzas volve rachar o seu teito: 129 do mundo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

W25CIDADEDEOURENSE

A vilagarciá disputa esta semana en Serbia un torneo de nivel W40 como cabeza de serie número 1

26 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada luns, a WTA, a asociación que rexe o circuíto profesional do tenis feminino mundial, actualizaba onte o seu ránking. E nel, Jéssica Bouzas Maneiro desfrutaba da celebración o domingo dos seus 21 anos cun novo rexistro histórico persoal, ao escalar catro postos e figurar como raqueta número 129 do planeta. Dous postos por riba da que era ata agora a súa mellor marca, o 131 que luciu na semana do 14 ao 20 de agosto deste mesmo ano.

A nova escalada de Bouzas Maneiro, sustentada no seu avance a semana anterior ata os cuartos de final do Parma Ladies Open, torneo de clase W125 sobre terra batida, sitúa a vilagarciá tamén como sexta mellor tenista española do momento, relegando unha praza por debaixo a Aliona Bolsova, número 130 do mundo con só 2 puntos menos (569 fronte a 567). Só Sara Sorribes, número 55 do ránking WTA con 1.056 puntos, Paula Badosa, 56 (1.048 puntos), Rebeka Masarova, 67 (937), Cristina Bucsa, 79 (817) e Marina Bassols, 110 (645 puntos) melloran os números de Jéssica Bouzas Maneiro, que esta semana disputa en Serbia o W40 Kursumbiska Banja como primeira cabeza de serie.