As Tanxugueiras encabezan a lista de artistas dos Concertos a bordo do Revenidas

hugo portelas. g. / VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

NOELIA P. OUBEL

As entradas estarán á venda a partir do mediodía do venres 1 de setembro, cun prezo de 30 euros, e as actuacións serán os días 9 e 10 de setembro

31 ago 2023 . Actualizado a las 21:22 h.

O Revenidas completa definitivamente a súa programación dando a coñecer as tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra. As primeiras comezarán o xoves 7 de setempro a partir das 17 horas co roteiro Redescubre Vilaxoán no que o músico Xurxo Souto será o encargado de poñer a banda sonora.

Concertos a bordo

Unha das actividades máis destacadas do festival son os Concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do Chasula navegando pola ría de Arousa. Nesta edición, a programación dos concertos a bordo é cen por cen feminina. Iniciará o sábado 9 de setembro con saída do Porto de Vilaxoán ás 13 horas durante a que actuará Zeltia Irevire que será seguida de Sheila Patricia ás 15 e Antía Ameixeiras ás 17 horas.

A xornada de domingo comezará á mesma hora a cargo de MJ Pérez, seguido de Su Garrrido ás tres da tarde e pecharán as Tanxugueiras ás 17 horas sendo un dos principais atractivos do Revenidas. O prezo das entradas para os concertos a bordo é de 30 euros (máis gastos de xestión) e inclúe unha degustación de produtos galegos durante a travesía, a compra será a través da páxina web www.revenidas.com.

Nese mesmo día tamén haberá a tradicional sardiñada que deu nacemento a este evento e será a partir das 13.30 horas no parque de dona Concha e con entrada libre para poder degustar as que segundo a organización «son posiblemente as mellores sardiñas do mundo». A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas estará animada por Os Terribles de Arousa e Louband Street Band e tamén actuarán Uxía Lambona e a Banda Molona, na que terá lugar a Gala de Circo Solidaria, unha sesión de La Yaya DJ e o peche do festival da man de Xosé Lois Romero. A entrada a estas actividades será de balde aínda que a primeira actividade require dunha inscrición previa.