Pensamento e Sementeira estrenará etapa este sábado en Viveiro coa primeira Foliada do Maio

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Imaxe de arquivo do grupo Espera que vou mexar!, de Viveiro, un dos grupos que actuará na primeira foliada que organiza Pensamento e Sementeira
Imaxe de arquivo do grupo Espera que vou mexar!, de Viveiro, un dos grupos que actuará na primeira foliada que organiza Pensamento e Sementeira xaime ramallal

Seis grupos actuarán a partir das 21.00 horas no Conservatorio, e antes haberá un obradoiro de iniciación ó baile tradicional

08 may 2024 . Actualizado a las 17:10 h.

Pensamento e Sementeira estrenará etapa este sábado en Viveiro coa celebración da Primeira Foliada do maio. Será a primeira das propostas culturais que impulse a nova directiva do colectivo co obxectivo da súa presentación ó público. «Logo duns meses de planificación e dedicación por parte do colectivo, esta cita pretende achegar a música tradicional galega á veciñanza da Mariña», indican desde Pensamento e Sementeira, que pretende desenvolver iniciativas que axuden a revitalizar o tecido cultural de Viveiro.

A Foliada do Maio terá lugar no Conservatorio de Música e dará comezo ás 19.30 horas. A esa hora arrincará un obradoiro de baile tradicional (é necesario inscribirse previamente a través dun formulario colgado nas redes sociais do colectivo). Estará dirixido a aquelas persoas que desexen dar os seus primeiros pasos e «prepararse para unirse á foliada que se desenvolverá a continuación». A celebración en si dará comezó ás 21.00 horas. Actuarán grupos de seis destacadas asociacións da Mariña, como Bágoas da Terra (Viveiro), Saiñas (Xove ), O son do Sor (O Barqueiro), Espera que vou mexar (Viveiro), Cordenaia (Cervo) e As Ferriñas do 21 (O Vicedo). «Estas asociacións poñerán o son das súas pandeiretas e gaitas a disposición de todas as presentes para que poidan sacar uns puntos e gozar duns momentos de baile compartido», comentan. 

O colectivo, que preside a música Xiana Naval Chaves, fai un chamamento a toda a comunidade de Viveiro a unirse a esta celebración e a descubrir de primeira man as ideas innovadoras que están impulsando a dinamización cultural. Ademais, durante a cita ofrecerase a oportunidade de asociarse ó colectivo (a cuota anual é de 15 euros) e manterse informado sobre futuras actividades culturais. A Foliada do Maio, avanzan, «promete ser unha noite inesquecible, chea de música, baile e alegría».