O mestre don Camilo, unha persoa relevante na fundación do pósito de Burela

HERMINIA PERNAS OROZA CRONISTA OFICIAL DE BURELA

BURELA

O mestre don Camilo rodeado de nenos e nenas. Ano 1933
O mestre don Camilo rodeado de nenos e nenas. Ano 1933 A.G. BURIL-MONTE CASTELO

Na institución ocupou simultaneamente os cargos de inspector local e de secretario

16 abr 2024 . Actualizado a las 16:21 h.

O mestre Camilo Fernández Díaz —don Camilo— (1890-1974), natural de Navia de Suarna, chega a Burela no curso 1919-1920 despois de ter exercido a súa profesión en terras da Fonsagrada e Viveiro (Landrove). Fixa a súa residencia en Burela e casa cunha adiñeirada rendista local, Dolores Baltar (dona Lola).

Coñecido é o seu papel a prol da fundación e posta en marcha do pósito de pescadores en 1923, institución na que ocupou, simultaneamente, os cargos de inspector local e de secretario. Desde estes postos aconsellou nas xestións que se levaron a cabo para conseguir a construción do porto, en 1931.

Nas eleccións municipais do 12 de abril dese mesmo ano reclama o voto para a República porque, segundo información oral, todos os mestres o pedían, aínda que el, no fondo, declarábase monárquico. Certo ou non, o que si

sabemos é que era amigo persoal do enxeñeiro Manuel Becerra Fernández, para quen solicitara o voto nas eleccións que se celebraron durante a Segunda

República. Becerra presentouse para deputado en Cortes pola provincia de Lugo nas eleccións de 1931 e de 1936 (nas primeiras dentro da candidatura de centro-esquerda e nas segundas, por Esquerda Republicana).

Expediente sancionador

A súa filiación política, amén das súas amizades, causoulle situacións desagradables cando estourou a Guerra Civil (xullo de 1936). Sufriu primeiro un expediente sancionador e máis tarde o desterro, que logrou permutar con outro mestre que tamén se atopaba nas súas mesmas circunstancias, ata que puido regresar definitivamente a Burela onde seguiu exercendo o maxisterio

mentres non lle chegou a xubilación.

O certo é que a Guerra Civil provocara cambios nas xuntas directivas dalgúns pósitos mariñáns, coma os de Foz e Burela. Foi aquí onde suspenderon das súas funcións ao mestre don Camilo, que ademais tivo que marchar camiño do desterro. Porén, o secretario do pósito non quixo reflectilo así e, nunha segunda acta, escribiu que deixaba de exercer os seus cargos ao marchar da localidade para Lugo.

Galicia axiña caeu en mans do exército sublevado desencadeándose unha durísima represión contra os que simpatizaban coa Fronte Popular. Non obstante, o concello de Cervo non se caracterizou por estar na primeira fila da represión franquista, aínda que tampouco faltaron execucións e procesamentos.

Os executados, todos eles en 1936, foron o alcalde, Benito Colín Veiga; o secretario do concello, José María Correa Miranda e mais o alférez de carabineiros, Antonio Trujillo Rodero. Os ingresos no cárcere soamente foron significativos durante o primeiro ano da contenda, tratándose de mariñeiros (naturais de San Cibrao) e de carabineiros, que se opuxeron ao Alzamento.

A detención do alcalde, adscrito ao grupo de Unión Republicana (UR), produciuse xunto coa do propietario Justo Cao Carbajales (tamén dirixente local de UR) e de once concelleiros (de UR), sendo xulgados todos eles na mesma causa por rebelión militar. O resultado final deste expediente de responsabilidades foi o sobresemento da causa no tocante aos concelleiros; pero si se formularon pregos de cargos contra o exalcalde e concelleiro, Jesús Fraga Balmayor e o alcalde Benito Colín Veiga, aos que se lles engadiu o secretario-interventor, José Murados Fernández. Pero a fortuna asañouse con Benito Colín, contra o que se decretou un embargo de bens pola cantidade de 200.000 pesetas. Isto significou que lle embargasen todos os panos, teas e demais produtos propios do seu oficio (era xastre), que tiña na súa casa de San Cibrao. Finalmente, foi executado o 10 de decembro de 1936.

Nos primeiros meses da guerra os falanxistas rexistraban asiduamente tanto casas como xente. Entre os partidarios desta ideoloxía destacaban dous burelaos, Eusebio de Ríos, quen alertaba a aqueles que estaban baixo o punto de mira de Falanxe e Ramón do Vispo; xunto cun cervense, con sona de terrible, alcumado “Mapoliña”.

Unha noite un grupiño de falanxistas e gardas civís foron buscar a don Camilo á súa casa. Ao petaren na porta, como el xa estaba sobre aviso, pediulles que o deixasen vestir. Posto que agardaba que o matasen esa mesma noite, puxo o mellor traxe que tiña e despediuse da súa muller. Despois abriu a porta e deixounos pasar. Rexistraron toda a casa ata o faiado. Alí gardaba un baúl que tampouco se librou de ser revisado; revolvendo nel atoparon unha carta dun alto cargo militar de Lugo, a quen don Camilo se dirixira pedíndolle recomendación para ascender a un cabo da garda civil de Cervo. Este cargo contestáralle dando a súa aprobación; e foi grande a sorpresa que levaron os gardas ao comprobar que o suxeito que se nomeaba na carta era o seu superior. Aquel día o mestre quedou na casa.

Da súa estadía en Lugo cóntase unha anécdota relatada por el mesmo a unha veciña de Burela. Tal foi que mentres se confesaba cun xesuíta preguntoulle de que forma pecaba, se deixándose matar ou facendo o posible para salvarse. O confesor non soubo que contestarlle e don Camilo marchou da igrexa, supoñemos, que nada aliviado espiritualmente.

Falanxistas

Falanxistas de Cervo e de Burela desprazáronse ata a capital provincial na súa procura e, atopándoo nunha cafetería, convidárono a saír. El negouse a non ser que fora acompañado da garda civil. Así ocorreu, e os propios gardas levárono preso para evitar que caera nas mans dos falanxistas. Dicíase que no fondo da cuestión latexaban envexas e celos por parte do xefe cervense de Falanxe, o rendista e industrial Jesús Taladrid.