«Polo ordenador poden chegar malas compañías»

Y. García

A MARIÑA

O proxecto Brújula, sobre os riscos de Internet para os menores, chega hoxe a Viveiro, a partir das 11.30

22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Que os nenos e adolescentes coñezan os riscos de Internet, saiban reaccionar e o usen de forma segura é o obxectivo principal do proxecto Brújula que a Asociación Gallega de Empresas TIC (Agestic), presidida por José María López Bourio (Lugo, 1950), achega esta semana á Mariña. O autobús itinerante estivo antonte en Ribadeo e hoxe chega a Viveiro, onde estará todo o día na rúa Noriega Varela aberto ao público. López Bourio explicaba onte co son das badaladas da catedral de Santiago de fondo máis sobre Brújula.

-¿Que é Agestic?

-É unha organización empresarial que ten empresas dedicadas a internet, ao desenrolo de software, deseño, creación de páxinas web, enxeñería... É dicir, abarca telecomunicacións, informática, telefonía, etc... todo o que chamamos sociedade da información. É una organización con sés en Santiago e Ourense pero como son lucense arrimei para que puxeran a oficina técnica en Lugo, para axudar ao desenrolo de tecnoloxías na Galicia interior.

-Na Mariña, ¿que problemas se detectan?

-Hai un problema de conectividade tremendo Na mariña. Cousas relacionadas con iso son as que facemos nós, constatar cal é a situación de cidadáns e empresas e reclamar tanto ás administracións como ás operadoras que haxa un servizo universal, cobertura a alta velocidade de verdade... Un veciño de San Cibrao me comentaba un día que estaban a unha velocidade de medio mega e en canto había arquivos de certo peso non pasaban.

-¿A cantas empresas agrupa Agestic?

-220 empresas, que teñen uns 4.500 traballadores. Nesa comarca debemos ter unha ducia delas integradas. O sector ten en torno a 950 empresas en toda Galicia das cales un 80% teñen menos de 20 traballadores.

-Entrando máis a fondo no proxecto Brúxula, Internet ofrece moitas vantaxes pero tamén ten os seus riscos...

-Facemos moitos proxectos de Industria dentro do Plan Avanza. Unhas das liñas son cidadanía dixital e empresas. Dentro da primeira traballamos temas relacionados cos maiores ou de inserción e igualdade de muller, micropymes e autónomos. Había que ver as vantaxes pero tamén os riscos para os máis pequenos, que non teñen formada unha opinión e un criterio, e podían verse influenciados por persoas sen escrúpulos ou con ánimo incluso delitivo. O concepto do autobús de Brúxula é moi diferente ao dunha simple aula cuns ordenadores. Está distribuído coma se fora un barco, vamos a navegar, e ten unha mascota que se chama Cristóbal, cunha brúxula que marca o norte. Ese norte simboliza que os nenos aprendan a confiar en alguén cando teñan problemas porque a esas idades inflúe más un compañeiro que o propio pai, e a veces este non domina a tecnoloxía. A sociedade actual implica que o pai e a nai traballen e o neno pase moitas horas so, diante dun ordenador... e poden chegar malas compañías. No caso dun maior de idade... ¡Alá el se se mete nunha páxina pornográfica! Tamén cando se invita a participar nas chamadas redes sociais non sabemos o perfil da xente, quen é, se é verdadeiro ou non, se os foros os usan persoas de 15 ou 20 anos ou un pederasta...

-Parece que os delitos informáticos están á orde do día e van a máis, ¿non?

-Nós colaboramos co Inteco de León e aí hai unha unidade que se dedica a todos os temas de delitos informáticos (suplantación da personalidade, fraude...) Hai xente que chega a pedirlle por un chat a un pequeno o se nome e a súa dirección, o nome dos pais, incluso o DNI deles... e inocentemente o pode dar. Con todos eses datos poden facer moito dano.

-¿Que éxito está tendo o proxecto Brújula?

-En Lugo onde se presentou un cento de pais e nais e educadores levaron material. Dámoslles un manual, un filtro, un cedé que se pode instalar, para que a propia familia poda poñer un nivel de acceso.

-Por tanto, é unha iniciativa que non interesa só aos menores de 8 a 12 anos especialmente, senón tamén a familiares e educadores.

-Inflúe moito a sensibilidade dos pais, a atención que lles presten, como en todos os eidos da educación.

-O bus, ¿abre todo o día?

-Si, menos de dúas a catro do mediodía. Organizouse un sistema na web para que grupos organizados (de centros educativos, por exemplo) se puideran inscribir. As sesións son de media hora e á tarde é libre acceso. Temos unha media diaria de 250 persoas.