Fillas de Cassandra, o grupo galego que namora nos festivais deste verán 

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

AL SOL

Fillas de Cassandra na actuación que deron no SilFest do Barco de Valdeorras.
Fillas de Cassandra na actuación que deron no SilFest do Barco de Valdeorras. Aigi Boga

María Pérez e Sara Faro protagonizan a gran revelación do 2023 con presenza constante en todo tipo de eventos

20 ago 2023 . Actualizado a las 22:04 h.

Cando formaron Fillas de Cassandra, María Pérez e Sara Faro tiñan un soño. «Pensabamos que sería flipante cantar unha canción en directo e que a xente a soubese e a cantase con nós», sinala a primeira. Ocorreu dende o principio. En marzo, presentaban Acrópole, o seu primeiro disco, na sala Capitol de Santiago. «Vimos que a xente repetía os temas e quedamos impresionadas», di. Aquilo soamente era o inicio dun ano triunfal no que se farían omnipresentes.

Galegote Rock (Pontevedra), O Son do Camiño (Santiago), Rock in Río Tea (Ponteareas), Milla Rock (Ames), Atlantic Pride (A Coruña), Festigal (Santiago), Silfest (O Barco de Valdeorras), A Revolta do Umia (Vilar de Mato), Osa do Mar (Burela), Festival Revenidas (Vilaxoán) e Canteira Fest (Paredes de Vilaboa) son só algúns dos festivais que contaron co seu nome este verán. Sumando todo iso ás súas actuacións individuais, o resultado é que non hai semana na que Sara e María non dean tres ou catro actuacións. «Vivímolo moi tranquilamente e estamos gozando moito deste camiño. Foi froito de moito traballo», sinala María.

Recalca ese punto: «O outro día dicíannos: “Moi ben o ten que estar facendo o teu manager para que toques tanto”. Para nós foi doloroso, porque traballamos un montón para isto. E, si, estamos ata debaixo das pedras, pero temos gañas de tocar a tope». Pola súa banda, Sara fai un matiz: «Nos anos pasados había grupos masculinos aos que lles pasaba o mesmo, pero o feito de ser mulleres implica que se fomente iso de que “están en todos os lados” como algo negativo, cando é positivo. Que unha proposta como esta, feminista e con letras sobre a mitoloxía, poida funcionar en festivais máis mainstream ten moitísimo valor».

A súa é unha formación moi do 2023. Mira á tradición sendo abertamente pop. «A música tradicional galega e tamén é pop, así como parte da música clásica. Entramos perfectamente nese ámbito», expón María. Cre que existen ventos favorables para este tipo de movementos: «Rosalía é unha artista pop, e demostrou que a música experimental é accesible para todos os públicos. Esa liña cada vez se esvaece máis». Incluso para expoñer algo como a mitoloxía grega. «Se hai unha serie de relatos que sobreviviron durante 200 anos e seguen falándonos hoxe en día das cousas de hoxe é porque están insertos na cultura popular», pensa Sara .

A mestura funciona. E faino en diferentes ámbitos. Fillas de Cassandra teñen o son. Teñen as cancións. Teñen o concepto. Teñen o chisquiño de maxia. E teñen un modo de afrontar os concertos tremendamente atractivo. Fai que elas leviten no escenario («Estamos como fóra de nós mesmas», di María) e que o público reafirme o amor pola súa proposta. Ou, se debuta, experimente un namoramento á primeira vista. Incluso posúen un hit, Barre vasoira, con praza fixa nun grandes éxitos da música galega do século XXI. «É incrible. Esa é a canción que se cantaba na miña familia. Agora, o contraste é que a bisavoa canta a canción e a neta dille: “non é así”. Sentir iso é impresionante», confesa María.

«Perreo» con actitude

Recentemente, veñen de sacar Tola. Unha canción que racha con Acrópole, coquetea co reguetón e ten unha desas frases («o perreo ata abaixo, pero a autoestima no ceo») que non sería de estrañar que termine como slogan de apoderamento feminino nunha camiseta. «Guiámonos polos nosos impulsos. Pero non sabiamos se sacar ou non Tola. Foi unha rompedura de cabeza, porque non era o que se esperaba de nós —admite Sara—. As expectativas están aí. Tentamos fuxir delas. Pero a canción foi previa a Acrópole. Fixémola así porque a sentiamos. Pero a nós apetecíanos, e temos todo o dereito a que nos dea igual. Estamos influenciadas por Beyoncé, Rihanna e moitas cousas máis».

O tema, divertido e distendido, triunfa en directo. «Nós tamén somos así; non sempre somos tan sisudas», ri Sara. Nunha especie de «aquí estou eu», amósanse incluso abertamente fachendosas. «Por primeira vez, fixémolo —admite María—. Críannos con esa vergoña de ter que pedir perdón todo o tempo. Despois, chegas e ves a Boyanka Kostova que chegan co seu “aquí estou eu” con todo o morro. Entón, pensamos que nós tamén. E sacamos unhas frases nese sentido».