«Os ingleses sorpréndense cando se lles di que en Galicia se toca a gaita»

X. V. G

INTERNACIONAL

Aínda que recoñece que houbo avances, o hispanista e membro de honra da Real Academia Galega lamenta que os ingleses aínda coñezan pouco Galicia

02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

John Rutherford (St. Albans, Inglaterra, 1941) é profesor emérito en The Queen's College de Oxford e dirixe o Centro de Estudos Galegos desa universidade. Recibiu diversos galardóns polo seu labor de promoción da cultura galega e é membro honorífico da Real Academia Galega.

-¿Avanza a literatura galega en Inglaterra?

-Gustaríame ser optimista. Nós fixemos traducións e antoloxías de autores contemporáneos, pero aos ingleses non lles gustan as traducións. Só as len de autores como Cervantes ou Lorca... mentres outra xente moi boa como Méndez Ferrín é menos coñecida. Rosalía e Cunqueiro si son bastante coñecidos.

-¿Faría falla máis colaboración entre editoriais?

-As grandes editoriais ingleses son moi comerciais. Só unha grande podería subir as vendas de literatura galega, pero só lles interesan os cartos e non creo que vaia ocorrer.

-¿Ten moitos fillos de galegos na clase?

-Non, penso que nunca tivemos un. En Oxford non hai unha colonia de galegos importante. No centro de Londres hai máis. A maioría dos alumnos de Oxford son ingleses. Estudan galego porque coñecen Galicia, por curiosidade intelectual, porque queren saber outro idioma dos que se falan en España e tamén algún escocés ou irlandés interesado polo celtismo.

-¿Coñecen Galicia os ingleses?

-Pouco, seguimos sendo moi insulares e o inglés medio pensa en touros, na Costa Brava, en viño barato e en xitanas e flamenco cando pensa en España. Cando se lles di que o instrumento de Galicia é a gaita quedan moi sorprendidos, pensan que en España só se toca a guitarra.

-¿É moi diferente o carácter galego do inglés?

-Hai semellanzas, pero moitas diferenzas. Cando eu vin a Ribadeo de estudante para mellorar o meu español pareceume outro mundo tan diferente, tan diferente... é difícil de explicar. A cuestión da identidade é clave. Eu vivín sempre en Londres nun barrio residencial sen identidade, pero en Ribadeo a xente sentíase intensamente de Ribadeo. Iso cambia ás persoas. Por iso non me gusta o que está facendo o Goberno galego coa lingua.

-¿No ensino?

-Si, penso que é catastrófico. Non defender unha lingua minoritaria é atacala. Este podería ser o Goberno que matase a lingua, sería moi triste. En Inglaterra, cando era cativo, había moitos dialectos locais, pero desapareceron e agora en todo o sur fálase igual que en Londres. De seguir así, o galego quedará como un dialecto e logo co tempo desaparecerá.