Grupos de Portugal, Málaga e Ciudad Real actúan hoxe na Mostra folclórica da Fonsagrada

La Voz LUGO/LA VOZ.

LUGO

14 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Trece edicións cumpre xa a Mostra folclórica que organiza anualmente a asociación cultural Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada, e que hoxe volverá encher de bailes rexionais as rúas e prazas fonsagradinas, coa presenza de agrupacións de Ciudad Real, Málaga e Portugal.

A partires das 12.00, os grupos participantes realizarán un pasarrúas que rematará na praza de España, onde cada un fará unha pequena exhibición dunha peza de baile. Tras o intercambio de agasallos entre as catro agrupacións folclóricas, serán recibidas na Casa do Concello, onde o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, ademais de dirixirlles unhas palabras, entregaralles un obsequio institucional.

Pola tarde, os grupos participantes nesta mostra folclórica desfilarán de novo polas rúas fonsagradinas ata chegar á praza, onde a partires das seis dará comezo o festival, no que cada grupo actuará arredor dunha media hora. Nesta edición, ademais de Antaruxas e Sorteiros, bailarán sobre o escenario o grupo Los Mimbrales, de Fuente del Fresno, en Ciudad Real; la agrupación folclórica de Torre del Mar, Málaga; e o rancho folclórico do Algarve, en Portugal.

A mostra acabará cunha cea de confraternidade, á que asistirán 200 persoas.