Leite materno que vence ao biberón

LUGO CIUDAD

Un grupo de nais lucenses que apostan pola lactancia materna reúnense todas ?as semanas para intercambiar experiencias e dar información a embarazadas

28 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

¿Cantas veces ao día se lle debe dar o peito a un bebé? ¿Como se sabe se mamou o leite suficiente? ¿É bo utilizar chupetes e biberóns? ¿Como se sabe que 'sube o leite'? ¿Que facer se doen os peitos? ¿Cando se debe destetar a un neno? Estas son só algunhas das preguntas que atopan resposta nas reunións abertas que todos os venres celebra en Lugo a asociación Bico de Leite, da que forman parte máis de corenta nais voluntarias que apostan pola lactancia materna. «En xeral o que facemos é poñer en común as nosas experiencias e dar información ás embarazadas que veñen e que queren información real porque por aí escóitanse moitas cousas que non son certas», explica Patricia, nai de tres fillos e veterinaria.

Fronte aos prexuízos que, segundo aseguran, aínda existen na sociedade, o colectivo defende que o natural é que unha nai lle dea de mamar a un fillo. «O artificial é tomar un biberón con leite de vaca», afirman. «O neno nace e o primeiro que che apetece como nai é darlle o peito», explican, e engaden que o leite materno «é o mellor alimento que lle podes dar a un fillo: é de balde e ecolóxico, sempre está á temperatura ideal e no seu envase perfecto». Sinalan que nos seis primeiros meses de vida o leite materno cobre todas as necesidades nutritivas do pequeno, ademais de protexelo de cara ao futuro contra infeccións, alerxias, obesidade, diabete, malas dixestións e mesmo morte súbita.

Para as nais as vantaxes tamén son importantes, xa que aleitar axúdalle a recuperar antes a figura e a sangrar menos no posparto. «Aleitar -precisan-tamén evita a osteoporose, diminúe o risco de cancro de mama e de ovario, ao tempo que aumenta a autoestima e produce pracer e benestar». Nesa liña subliñan que favorece o vínculo entre a nai, o bebé e o resto da familia. «É moi bonito a experiencia dos primeiros días en que se está co bebé, en que nai e fillo se coñecen. Iso non o volves vivir», destacan.

Require moita vontade

Con todo, subliñan que nos tempos actuais levar a cabo con éxito unha lactancia materna require moita vontade, xa que o apoio sanitario é mínimo, especialmente cando xorden dificultades. «Hai que estar disposta a darlle todo o día, e no posparto ti vas estar cansada, con baixóns, con cambios de humor, rodeada da familia e dos amigos», explicáronlle a Helga e Silvia, embarazadas.