Pezas clásicas e experimentais no Festival de teatro da USC

La Voz

LUGO

Oito grupos participarán no certame universitario que se celebrará no Gustavo Freire, en Lugo.

31 mar 2010 . Actualizado a las 19:41 h.

Oito grupos de España e Portugal participarán na décimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo, que se desenvolverá do 14 ao 20 de abril. Pezas clásicas, como Noite de Reis de Shakespeare, que representará a Escuela de Arte Dramático Superior de Asturias, irán da man de propostas experimentais, como Odisea espacial , que levará ás táboas a Aula de Teatro Universitaria de Ourense María Castaña, ou Comendo pementos de Padrón con Tarantino , coa Escola de Teatro de Narón.

A vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo, foi a encargada de presentar onte a programación, que traerá a Lugo mostras artísticas de aulas de teatro universitario, escolas de teatro e unha compañía de Portugal. «Lamentablemente este ano o festival reduce o radio de acción polas dificultades económicas que está atravesando a Universidade e a sociedade, o que non implica en absoluto que a calidade sexa inferior ou menos atractiva ca outros anos», destacou Fidalgo, quen animou ao público lucense a acudir a un festival «que merece un voto de confianza» e que será moi agradable.

Todas as actuacións terán lugar no auditorio Gustavo Freire a partir das 21.00 horas, e a entrada será gratuíta. As persoas que desexen asistir ás representacións disporán dun servizo de autobuses que sairá da Escola de Maxisterio ás 20.15 horas, e da residencia Bal y Gay ás 20.30 horas. Os días que dura o festival, o grupo Tik Teatro da residencia universitaria levará ao campus e ás rúas da cidade amurallada a sorprendente actuación Muros .