O Apalpador visitará a Pisa da Castaña do Courel

LUGO

No festexo etnográfico presentarase un libro infantil baseado neste personaxe do folclore da serra

13 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación Fonte do Milagro ultimou o programa de undécima Festa da Pisa da Castaña do Courel, que se celebrará o 6 de decembro en Froxán. O festexo etnográfico incluirá a presentación dun libro infantil baseado na figura do Apalpador, un personaxe do folclore da serra que foi recuperado hai poucos anos e divulgado por diversas asociacións culturais galegas.

A obra que se vai presentar foi realizada polo ilustrador Xoán González -infógrafo de La Voz de Galicia- e publicada pola editorial Biblos. Segundo a tradición local, o Apalpador era un personaxe lendario que vivía nas devesas do Courel e baixaba no Nadal ás aldeas para apalpar as barrigas dos nenos, comprobar que non pasasen fame e obsequialos con presadas de castañas.

O programa da festa comprende tamén a presentación da segunda parte da novela xuvenil O brindo de ouro , do escritor courelao Xesús Manuel Marcos.

De acordo co esquema seguido habitualmente no festexo, a partir do mediodía comezará en Froxán a demostración da pisa, a operación que se levaba a cabo tradicionalmente no Courel para descascar as castañas secas preparadas nos sequeiros. En torno á unha da tarde, os actores Comba Campoy e Pepe Penabade pronunciarán o pregón.

Menú a oito euros

Ás dúas e media ofrecerase unha comida a base de castañas secas e cocidas e derivados do porco -a oito euros o menú-, que se servirá nunha carpa onde tamén haberá postos de polbo e churrasco. A demostración etnográfica continuará a partir das catro da tarde e ao longo da xornada haberá diversas actuacións a cargo de grupos de música tradicional.

A asociación que organiza o festexo gastronómico recordou por outro lado que a maior parte da castaña da serra non se aproveita na actualidade, sinalando que cada ano pode quedar sen recoller nos soutos do Courel o 90% do froito.