De cando o presidente alindaba as vacas en Ferreira

Xavier Lombardero

LUGO

21 jul 2009 . Actualizado a las 15:21 h.

Din que o presidente da Deputación ten repartido o seu corazón de neno entre Lugo, Portomarín e Ferreira de Sampaio (Castroverde) pero onte víuselle que, como soe acontecer, un é da casa da súa nai, a das tías... da que deixou marca na nenez. De camiño á igrexa de Soutomerille, no Camiño Primitivo, a Besteiro déulle tempo de saudar ós veciños e de contar anécdotas daqueles vraos de hai tres décadas.

«Vouvos contar a primeira vez na miña vida que pasei medo. Tiña eu nove anos e téñoo ben gravado: aquí cerca meus avós levaban un prado arrendado e pola tardiña había que vir buscar as vacas para muxilas. Normalmente viñamos meu primo Toño e mais eu pero aquela vez, que ameazaba tormenta, el tiña que facer e arranquei eu solo. Cando empezou a tronar e relustrar as vacas escaparon a velocidade de vértigo cara a casa, e no medio tormenta as árbores parecían cobrar vida».

Besteiro rememoraba e o alcalde, José María Arias, cazador empedernido, ía levantando rastros e carreiros por onde o xabarín atravesa o camiño. Mentres lles falaba aos cardiólogos de Castroverde e da gran feira do cabalo que celebran o domingo, miraba ao ceo (onte foi bo día de ensilar e el ten 50 vacas de leite que manter), acordando un dito do seu pobo: «Aire cara a Neira, balde á goteira».