Xustiza e poesía para abrir a ruta do Cebreiro ao Lor

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA/LA VOZ.

LEMOS

Un antigo fiscal do tribunal da Haia e o escritor Xulio López Valcárcel inaugurarán o itinerario no Courel

13 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A antiga ferrería de Seoane do Courel será escenario o sábado -ás 12 do mediodía- do acto de inauguración da ruta do Cebreiro á desembocadura do Lor que foi acondicionada por iniciativa da Asociación Santo Grial do Cebreiro. O festexo contará coa presenza de Salvador Viada Bardají, fiscal do Tribunal Supremo e antigo membro da fiscalía do tribunal internacional da Haia, e do escritor e poeta lucense Xulio López Valcárcel.

A participación de López Valcárcel, quen se encargará de pronunciar o pregón, é debida á súa estreita vinculación coas terras lucenses. Non sucede o mesmo co barcelonés Salvador Viada, cuxa relación con esta zona consiste sobre todo nunha amizade persoal coa directiva da Asociación Santo Grial, segundo explica o presidente desta entidade, José María Núñez Pérez. «É un eminente xurista que axudou a investigar os crimes de guerra na antiga Iugoslavia e ao que convidamos á inauguración simplemente porque é amigo meu e porque se prestou a apoiar desinteresadamente esta iniciativa coa súa presenza», explica.

Nos actos participarán tamén a Banda de Música de Guntín de Pallares e a Banda de Gaitas do Caurel, «que tamén ofreceron un apoio desinteresado», sinala Núñez. No lugar instalarase unha carpa onde os asistentes poderán adquirir racións de polbo e de carne. Despois do xantar, levarase a cabo unha camiñada por un tramo de cinco quilómetros da ruta entre Seoane e Ferreirós de Arriba.

Mantemento

A ruta, de 68 quilómetros, foi limpada e sinalizada pola Asociación Santo Grial, cuxo presidente estima nuns 90.000 euros o custo total das operacións, «contando as horas de traballo da xente que se ofreceu a colaborar neste proxecto sen cobrar». O itinerario discorre por unha serie de camiños tradicionais que, segundo comenta Núñez, «serviron durante séculos para comunicar as terras de Quiroga e do Courel co resto da montaña lucense e que foron usados tanto para o comercio e as feiras como para transportar ouro, ferro, castañas ou pizarra».

Unha boa parte da ruta aproveita sendeiros que xa foran acondicionados no seu día pola asociación courelá Fonte do Milagro, que se ocupará de mantela en estado transitable. Núñez espera que os concellos do Cebreiro, Courel e Quiroga «se preocupen por axudar a manter aberta esta ruta polo seu enorme valor histórico, etnográfico e natural, e porque a custodia do patrimonio público é un deber das administracións locais».