Un retrato múltiple de Lois Pereiro

LEMOS

Terminou o proceso de filmación do documental sobre o poeta monfortino, titulado «Contra a morte», que está previsto estrear na súa cidade natal o próximo outono

22 may 2009 . Actualizado a las 15:14 h.

O proceso de filmación do documental Contra a morte , dedicado á vida e á obra do poeta monfortino Lois Pereiro, está praticamente rematado. Os seus autores, o realizador audiovisual Alexandre Cancedo e o xornalista Iago Martínez, prepáranse agora para seleccionar e montar as cerca de 140 de gravacións que recolleron durante as pasadas semanas en diversos lugares de Galicia, en Madrid e en Alemaña, coa intención de ter o filme terminado para despois do verán. A estrea, segundo as súas previsións, celebrarase en Monforte entre setembro e outubro.

Contra a morte

, segundo explican, non se limitará a un mero documental didáctico sobre Lois Pereiro. Por unha parte, terá unha duración inusual para este tipo de traballos, de cerca de dúas horas. Por outro lado, segundo apunta Cancedo, «o filme non só estará dedicado a reconstruír a vida de Pereiro, senón a de toda unha xerazón que tivo unha influencia moi importante no mundo cultural galego». E tamén, engade Martínez, «será unha película sobre Monforte e a súa peculiar idiosincrasia, que tivo unha influencia moi forte sobre a súa personalidade, e sobre os monfortinos da súa xerazón».

O material recollido durante o proceso de filmación do documental será utilizado para describir o percorrido vital e literario de Pereiro, destacando aspectos como a súa vida de estudante en Madrid, as súas experiencias coas revistas Loia e La Naval ou as súas relacións co movemento artístico Atlántica. Tamén incidirá en cuestións como o forte influxo que tivo na súa mentalidade e na súa obra a literatura e a cultura xermánicas. «Pereiro era un políglota que mantivo un contacto con diversas culturas, pero Alemaña foi para el unha influencia moi singular e por iso gravamos unha parte do filme en Berlín, unha cidade pola que tiña un apego especial», sinalan. Pero o filme tamén resaltará aspectos como a súa fascinación polo mundo do ferrocarril -prefería viaxar en tren e nunca colleu un avión, segundo confesou el mesmo nunha entrevista á TVG-, a súa actitude vitalista -que contrastaba cos graves problemas de saúde que desembocaron nunha morte prematura-, a súa estreita relación coa súa cidade natal ou o valor que lle concedía á amizade.

Singularidade

Cancedo e Martínez non coñeceron a Pereiro persoalmente e souberon da súa existencia grazas a un número especial que lle dedicou a revista Luzes de Galiza despois da súa morte, cando eles tiñan uns 18 anos. A singularidade da súa obra literaria e da súa figura chamou fortemente a súa atención. «Sentimos moita curiosidade, porque non tiña nada que ver coa imaxe profesoral típica dos escritores galegos e porque era alguén que miraba cara ao futuro e pasaba por riba dos vellos temas da galeguidade», explica Cancedo. De aí naceu un interese que terminou plasmándose na realización deste película, precedida por un traballo de documentación de case tres anos.

Os autores do documental sinalan que a obra de Pereiro apenas foi estudada ata agora desde a perspectiva da crítica literaria e que non se lle dedicou aínda ningún estudo monográfico. Non obstante, «aínda que o se sabe da súa vida é moi pouco, porque só é coñecido polos seus libros, segue habendo moita admiración e moita curiosidade por el», apunta Cancedo. «Creo que o filme terá bastante repercursión, non polo valor do documental en si, senón polo interese que continúa xerando o personaxe», di pola súa parte Martínez.