En memoria de Lois Pereiro

LEMOS

Filman en diversos lugares da comarca de Lemos un documental sobre o desaparecido poeta monfortino

12 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Para principios do outono está previsto estrear en Monforte a longametraxe documental Contra a morte , dedicada á vida e á obra do poeta monfortino Lois Pereiro, que está agora en proceso de filmación. En Monforte e outros lugares da comarca está a gravarse agora unha serie de entrevistas con familiares e amigos de Pereiro, que se sumarán a outras xa realizadas a diversas persoas que tiveron relación con el, como o escritor Manuel Rivas, o músico e cineasta Antón Reixa e os xornalistas Xosé Manuel Pereiro -seu irmán- e Piedad Cabo.

A rodaxe na comarca continuará ata o martes. Posteriormente, o equipo ten previsto efectuar gravacións en Madrid -onde Pereiro residiu como estudante entre 1976 e 1981 e onde editou a revista Loia - e Berlín, unha cidade que o poeta visitou en varias ocasións e que representará no filme a cultura xermánica, que tivo unha influencia fundamental na súa obra.

Fascinación

O filme, coproducido pola produtora coruñesa IBCinema e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones, é dirixido por Alexandre Cancelo e Iago Martínez, que non chegaron a coñecer persoalmente ao poeta monfortino, falecido en 1996. «Nós coñecemos a súa obra pouco despois de que el morrese, cando tíñamos uns 18 anos, e fascinounos», explica Martínez. «Xa por entón pensamos facer algo sobre el e retomamos a idea hai cerca de tres anos», engade.

A película editarase en formato de deuvedé xunto cun libro que recollerá poemas de Pereiro traducidos a varias linguas e artigos sobre a súa obra. A pretensión dos seus autores -sinala Martínez por outro lado- non é só reconstruír a biografía do poeta e a xénese da súa singular obra literaria, senón tamén ofrecer un retrato colectivo da súa época. « Contra a morte tamén será en boa medida unha película sobre Monforte e sobre unha xerazón de monfortinos», comenta. Cancelo, pola súa parte, describe o Monforte de Pereiro como «unha paisaxe humana dada á heterodoxia na que a néboa contribúe a romper o contorno da realidade».