«Estanse deixando as cartas de amor polos SMS»

L.A.N.

FERROL

17 feb 2010 . Actualizado a las 13:09 h.

Dúas irmás de Narón, de 35 e 38 anos, levaron onte para as súas casas os premios primeiro e segundo do concurso de cartas de amor Quérote 2010, organizado polo Concello como, explicou o alcalde durante a cerimonia de entrega de galardóns, «unha maneira de comunicarse, resaltar o idioma e favorecer que os veciños se involucren». A segunda premiada, Mar González Veiga, profesora do colexio de O Feal, recolleu os dous galardóns, o primeiro a nome da súa irmá Belén, traballadora do Servizo Galego de Saúde, e o segundo, o seu. O terceiro foi para Inés Victoria Prieto. Os tres levaron 100, 75 e 50 euros de recompensa.

-¿Cal é o segredo dunha boa carta de amor?

-Ten que ter sentimentos.

-¿E servirse da experiencia persoal?

-Algunhas cousas si poden servir, pero tamén hai moita ficción. Por exemplo, a da miña irmá é toda ficción. Eu collín un texto que xa tiña de hai anos e refundino.

-¿O de gañar, unha, e quedar segunda, a outra, é algún tipo de pique familiar?

-Si. Eu apunteime porque chegou a información ao colexio e propúxenlles aos meus alumnos participar, pero os textos facíanse demasiado extensos para eles. E a miña irmá tamén se animou porque consideraba que a miña carta era bastante mala.

-Tratou de facer participar aos seus alumnos. ¿Que acollida tivo o concurso entre eles?

-Non participaron porque o límite era moi extenso para os rapaces, porque son catro folios enteiros. Aínda así, propuxen aos meus alumnos facer algo máis pequeno na clase.

-E nun momento no que o manuscrito está a pasar de moda... ¿como resultou o experimento?

-É certo que se están deixando as cartas de amor polos SMS co móbil e as redes sociais. Pero tamén había cartas moi sentidas.

-A participación foi exclusiva a través da páxina web do Concello. ¿Que lle pareceu?

-Moito máis cómodo. Porque así empregas o ordenador e envíalo directamente por correo electrónico.