«Carballo Calero era un profesor serio e esixente»

R. Loureiro

SANTIAGO CIUDAD

Lembra o labor que levou a cabo en «tempos moi difíciles» o candidato ao Día das Letras Galegas

16 jun 2009 . Actualizado a las 11:49 h.

Luis Alonso Girgado, investigador e asesor literario do Centro Ramón Piñeiro, vén de sumar un novo recoñecemento. Trátase do Premio Manuel Lorenzo Barja, que o Real Coro Toxos e Froles lle concede polo seu labor en defensa da cultura galega. Nado en Ferrol no ano 1946, fixo posible desde a reedición facsimilar da revista poética Aturuxo , a emblemática publicación impulsada entre outros por Miguel Carlos Vidal, Mario Couceiro e Tomás Barros, ata a recuperación da prensa emigrante (cabeceiras como Céltiga e Galicia ) impulsada por voces como a de Curros Enríquez, director de La tierra gallega .

-¿Que representa para vostede este recoñecemento da súa propia cidade?

-Unha enorme satisfacción e un agasallo seguramente inmerecido. Desde logo, para min é unha enorme ledicia que se lembren de min en Ferrol, a cidade na que nacín e coa que sigo relacionado por razóns familiares e incluso tamén de traballo.

-Vostede foi alumno de Ricardo Carballo Calero. ¿Que recordos garda del?

-Carballo Calero era un home moi traballador, un intelectual moi prestixioso. Un galeguista erudito. E era un profesor serio é moi esixente. Carballo chegou á Universidade en tempos moi difíciles, e alí desenvolveu un traballo importantísimo á hora de dar a coñecer entre a comunidade universitaria de estudantes de letras a lingua e a literatura de Galicia.

-Vostede tamén coincidiu na Universidade de Santiago con Ramón Otero Pedrayo, aínda que non foi alumno del. Pero si que o escoitou falar con frecuencia...

-Otero Pedrayo era un home que deslumbraba coa sua oratoria, que por certo engaiolaba ao ilustre ferrolán don Xosé Leira Domínguez, que foi o profesor ao que máis admirei e ao que máis lle quixen. Era un home dunha bondade extraordinara e un rexo galeguista de corazón... e de esquerdas.

-¿Onde lle deu clase a vostede Leyra Domínguez?

-No colexio Rapariz, sendo eu alumno de Bacharelato.

-Un colexio moi literario, tamén, o Rapariz.

-Si señor. E despois, sendo eu alumno de Preuniversitario noutro colexio de Ferrol, no Tirso de Molina, fun alumno de don Manuel Masdías.

-E vostede, que é un devoto da literatura hispanoramericana, non ignorará que alumno tamén do Tirso foi Francisco Porrúa...

-Si, o editor de García Márquez. Sobre o que eu escribín unha monografía, dedicada á súa novela Crónica de una muerte anunciada . A literatura hispanoamericana é un ámbito ao que me levou don Benito Varela Jácome, do que tamén fun alumno en Santiago.