Fantoches Baj abre os actos de «Feito en Lalín»

La Voz

DEZA

O programa inclúe un monográfico do director Román Gutiérrez y concluirá cun concerto de Linho do Cuco

20 ene 2010 . Actualizado a las 19:27 h.

O museo municipal Ramón María Aller acolleu na mañá de onte a presentación da segunda edición do programa Feito en Lalín , que organiza a Concellería de Cultura cun orzamento de 5.000 euros. A súa responsable,Nuria Rodríguez Carral, sinalou que mantén o esquema do 2009, mesmo no cartel anunciador, que nesta ocasión amosa ao violinista de orixe letón Eduards Vecbastiks a lomos da estatua do porco da rúa Colón.

As actividades serán gratuitas para o público ata completar o aforo do Salón Teatro e do mesmo museo, e darán comezo o vindeiro venres día 22: será a partir das 21.30 horas cando o Salón Teatro acolla a representación de Fantoches Baj do seu espectáculo Zampón, o Lambón : un espectáculo que mezcla actores con figuras xigantes e títeres.

O director da montaxe, Ignacio Vilariño, suliñou onte que se trata da obra máis grande de Fantoches Baj, pensada para o Correlingua 2009: deste xeito, a representación do venres será a primeira que fagan con iluminación dunha historia «que non é de confrontación co castelán, senón da lingua [galega] como patrimonio a defender», sinalando que se quere conservarse e valorizala «hai que falala, é un convite a que se fale, e ben». A montaxe xira sobre as aventuras de dúas personaxes á busca de Zampón, o Lambón, un xigante devorador de linguas que pretende devorar ao galego, pero que ao final é vencido.

Vilariño suliñou que salvo a actriz Vanesa Maceiras, os demáis participantes na obra son de Lalín, desde o texto de Carlos Negro ata a música de Iago Mouriño.

A segunda das actividades será no museo o sábado día 23 ás 20.30 horas. Trátase dun concerto do cuarteto de corda Lalín, formado por Inara Vecbastika, Elina Viksne, Eduards Vecbastiks e Tatiana Cucerenco: será un concerto romántico, con pezas de Haydn e Offenbach.

Pola súa banda, o xoves 28 de xaneiro, tamén no museo e ás 21 horas principia un espectáculo que tivo moito éxito o pasado ano: Maxia e contos , con Benxamín Otero e Celso Fernández Sanmartín. Feito en Lalín incorpora nesta edición o cine, cun monográfico do director Román Gutiérrez da Silva: será o venres 5 de marzo ás 20.30 horas no museo e incluirá a proxección das curtas A maldición do Capitán Centolo, Centolos e gaitas e Os vampiros da Cidade de Pedra , con participación entre outros actores de Luis Zahera ou Quico Cadaval.

Pechará esta segunda edición do programa cultural o concerto que ofrecerán, o sábado 13 de marzo ás 21.30 horas no Salón Teatro, o grupo Linho co Cuco, que presentará o seu terceiro disco.