Todos os que andan ao noso

La Voz

DEZA

20 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha grande parte da xente que nos acusa de andar ao noso é porque coincide no noso interese. É dicir: eles tamén andan ao noso. A min, por exemplo, moléstame a cantidade de xente que está decidida a salvarme da crise. En parte porque son desconfiado e, ademais, porque eu non llo pedín. Pero eles insistirán en salvar Citroën no meu nome antes de preguntarme se eu estaría interesado nunha axuda para mercar un coche desa marca. Do mesmo xeito, terei que axudar a reflotar bancos dos que eu na vida quixen ser cliente. Un dos grandes da historia da manipulación foi Ricardo III. Un dos grandes dos que temos noticias porque sobre Kissinger aínda non se escribiu un libro definitivo. A vantaxe de King Richard é que el nunca aceptou o premio Nobel.

Tamén anda ao noso, ao noso medo, quen traballa con ese sintagma tan eufemístico de medidas preventivas. A creación dunha paisaxe do medo é case sempre o paso previo á posta en marcha dunha circunstancia de represión. O medo abranda moito aos dereitos fundamentais. A crise económica é outra maneira de aparcar os dereitos, de meter medo. E meter medo segue sendo a estratexia de control.

Outra cousa, máis literaria pero non menos real, son os medos propios. Os que nacen como se foran espontáneos pero non son. Os que investigamos para conseguir grandes novelas e vidas lamentables. Eses que significan que a vida que levamos é máis interesante como argumento que como experiencia. Se fosemos capaces de mirarnos polo microscopio como miramos ás formigas veríamos que somos unha especie terriblemente violenta ou pateticamente simpática. Pero non somos ninguén para facer xuízos de valor sobre nós mesmos.