Iván González: «Temos que seguir pelexando polo clube, a afección e a cidade»

X. R.

SANTIAGO

O dianteiro branquiazul -máximo goleador do equipo- sinala que o Compos vai xogar con ilusión mentres as matemáticas non descendan ao equipo

10 mar 2010 . Actualizado a las 12:04 h.

Iván González Veiras (Noia, 09/10/1978) é o máximo goleador do Compostela na Segunda División B. Cos dous tantos que asinou ante a Cultura Leonesa, o diantero branquiazul suma xa dez dianas na presente campaña, das vinteséis que leva acadadas o equipo. Síguenlle, a moita distancia, Petter e Rego, con catro goles.

-Colista dende hai tempo e xa sen opcións. ¿O vestuario xa ten asumido o descenso?

-Mentres teñamos posibilidades matemáticas vamos seguir loitando pola salvación. Aínda que se confirmase o descenso, seguiremos dando a cara partido a partido pois temos unha afección, un clube e unha cidade detrás nosa.

-¿Ten o Compos aínda algunha posibilidade?

-É moi complicado. Todos o sabemos, pero temos que ir día a día tentando acadar victorias e logo xa se verá. Cando sexa, queremos descender coa cabeza ben alta.

-¿Qué lle pasa ao equipo cando xoga en San Lázaro?

-Fóra estamos colleitando bos resultados e facendo números de equipos da metade da táboa para enriba. Pero na casa non gañamos e iso nos foi metiendo pouco a pouco abaixo. Se o equipo fixese tres ou catro victorias na casa seguro que estariamos agora con máis opcións reais de salvarnos. Tivemos ocasións de acadar varias victorias en San Lázaro, pero nos faltou sorte.

-¿Pódese falar sempre de mala sorte?

-Non. A sorte pode ser nun ou en máis partidos moi puntuais. Pero a nós se nos escaparon moitos partidos e iso xa non é mala sorte. Unhas veces non tivemos acerto, outras faltou concentración...

-Cando comezou a pretempada, ¿adiviñaba vostede que podería acontecerlle algo parecido ao Compos?

-Non o esperaba ninguén. O equipo parecía ben conxuntado e non facía malos encontros. Sabiamos que ía ser difícil acadar a salvación, pero ninguén pensou que estariamos tan descolgados a estas alturas. Viñemos demostrando que o equipo pode competir con todos e ninguén nos goleou, pero as pequenas cousas nos empezaron a meter abaixo.