Unha nova academia galega tenta a confluencia co idioma portugués

CULTURA

O catedrático Montero Santalha preside unha entidade que comeza con 29 membros de varios sectores sociais

07 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O nome da lingua autóctona do país debería ser «portugués de Galiza», en lugar de galego, indicou o profesor Martinho Montero Santalha na presentación pública da Academia Galega da Língua Portuguesa, que preside. O obxectivo desta entidade é conseguir a confluencia entre os idiomas do norte e o sur do Miño, como defendía Castelao nunha coñecida carta a Sánchez Albornoz de 1944, acrecentou.

A nova academia está integrada por 29 membros, e en próximas datas incorporará máis. A maioría son lingüistas que exercen no ensino universitario e non universitario galego e do exterior, ben como escritores, e representantes do empresariado, a economía, a música, o periodismo ou a informática. Tamén onte presentaron o número 1 do seu Boletim , que será anual.

O presidente da asociación que promoveu esta entidade, o padronés Ângelo Cristóvão, dixo que queren ser unha Academia do século XXI, e buscan servir ao país e seguir «a mellor tradición galeguista».

O secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Xoán Pérez-Lema, deu os parabéns e un «abrazo fraternal» á nova entidade no nome do vicepresidente Anxo Quintana, e afirmou que «o nacionalismo galego sempre considerou que o espazo de Galicia está dentro da lusofonía». Este representante institucional indicou que Galicia pode ser «o pequeno país europeo con máis posibilidades de relacionamento internacional e comunicación», pois o galego abre as portas para 230 millóns de lusófonos de Brasil, Portugal, catro países de África, alén de Timor, Macau e Goa en Asia, ao que se deben sumar as amplas perspectivas do castelán.

Conservar o galego

Evanildo Bechara, da Academia Brasileira de Letras; Artur Anselmo e João Malaca Casteleiro, da Academia das Ciências de Lisboa, e Carlos Reis, Reitor da Universidade Aberta de Portugal, salientaron as posibilidades de desenvolvemento do galego na «diversidade da lingua común portuguesa». Reis insistiu en que o galego debe conservar o seu léxico e a súa pronunciación, e Malaca salientou que o portugués é «a terceira lingua europea máis falada do mundo». O escritor João Craveirinha lembrou os intereses económicos de empresas galegas en Mozambique, e indicou que o anglófono África do Sur emerxe como o terceiro país con máis falantes de portugués no continente, só superado por Angola e Mozambique.

Ao acto asistiron representacións do BNG (Carlos Aymerich e Camilo Nogueira), do Instituto Camões, das universidades brasileiras de São Paulo e McKenzie, dos Colóquios da Lusofonía, a Associaçom Galega da Língua, o Movimento Defesa da Língua, a asociación cultural O Facho, a Associação de Amizade Galiza-Portugal e a Associação Pró Academia Galega da Língua Portuguesa. Houbo actuacións musicais, con estreas de composicións, unha ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres e un recital de poesía. Na Universidade de Santiago, o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, destacou o «proxecto de galeguidade que aquí nos reúne».