O venres xubílase como director do Museo do Humor de Fene, así que vai abrir un capítulo novo no libro da súa vida: agora as súas mellores horas serán para debuxar
Falar estes días con Xaquín Marín é adiviñarlle unha certa tristeza dentro dos ollos. Está a piques de abrir un capítulo totalmente novo na súa vida, unha etapa na que o mellor do día poderá dedicalo sempre a debuxar. E iso, certamente, é o que leva desexando case desde sempre. Pero agora o envolve a melancolía, aínda que el, pouco dado a confidencias, non o conte exactamente así. O venres que vén xubílase como director do Museo do Humor de Fene, unha institución que segue a ser absolutamente única no seu xénero, e que naceu vencellada de maneira moi intensa ao propio Xaquín. Ao galego que inventou outra maneira de mirar a realidade coa súa particularísima, e sempre tenra, concepción do humor. Espera Marín, debuxante de La Voz de Galicia, que cando el marche «o museo poida seguir adiante, e que continúe o seu camiño, porque sería tremendo velo desaparecer».
-¿E que pasará...?
-Non o sei. Pero o que si sei é que o Museo do Humor, un museo que non se parece a ningún outro, continúa a ser tan necesario coma cando naceu. Faríame moito dano que deixase de funcionar ao marchar eu, e que se perdese todo o traballo que se leva feito desde 1984.
-¿Que sente agora?
-Os meus sentimentos nestas circunstancias son contraditorios. Por un lado vexo que a partir de agora non vou depender practicamente de ninguén, e que ademais me vou poder dedicar por fin a facer o que eu quero. Pero decátome de que deixar o museo tamén é deixar unha parte moi importante da miña obra e por suposto da miña vida. Así que por un lado teño a ledicia de saber que estou gañando liberdade, e por outro a pena de saber que deixo atrás unha parte moi importante do que eu son. Con todo, eu son da crenza de que as persoas xamais somos imprescindibles, e de que imos pasando unhas detrás de outras, pero que as institucións son outra cousa diferente. Na miña opinión, as institucións, coma o Museo do Humor de Fene, deben permanecer.
-Vai publicar nos próximos días dous libros novos.
-Vou. Un deles estará dedicado a Isolino, que é un dos meus personaxes máis populares. E o outro é o primeiro traballo que eu fixen, sendo moi novo, no ámbito da banda deseñada, e que non me parecía moi publicable, pero que agora, despois de tantos anos de telo gardado nun caixón, vaino sacar á luz El Patito Editorial, xa que os amigos que o viron decidiron que había que rescatalo.
-Á hora de debuxar, vostede segue sendo absolutamente fiel ás técnicas tradicionais. Raramente utiliza soportes dixitais...
-Os soportes dixitais tamén os utilizo algunha vez, sobre todo para comunicarme, e incluso para colorear. Pero non me gusta demasiado usar o ordenador. ¡No fondo [ri Marín] eu sigo vivindo totalmente inmerso nos tempos da pizarra e do pizarrillo , quedeime aí...! A verdade é que me dediquei a debuxar todo o tempo que puiden, así que iso que chaman as novas tecnoloxías nunca foi algo que espertase en min un excesivo interese.
-¿Que o emociona máis?
-O que máis me emociona é ver que a xente lle quere ao que fago. Para min é moi importante saber que hai persoas que miran os meus debuxos. Que ten utilidade para alguén.
-E agora que vai ter para debuxar todo o tempo que quería, ¿cal é o seu proxecto máis inmediato?
-Debuxar máis que nunca, e seguir traballando na liña na que xa o viña facendo, empezar a abrir outros camiños. Despois de tanto tempo sen pintar quizais volva de novo tamén á pintura, que é algo que quería facer cando me xubilase. E sobre todo desexo vivir. O que non quere dicir [ri Marín de novo] que ata agora non estivese vivindo. Pero cando chegas aos 65 anos, valoras cada vez máis as cousas importantes. Os amigos, por exemplo; a lectura. Buscar un debuxo que te satisfaga por completo. A esta idade tes que saber mirar o mundo doutra maneira.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios