Entre galletas de limón e citas cinéfilas presentouse a última novela de Jaureguízar, O globo de Shakespeare (Xerais), da que din que ten influencias almodovarianas.
-Na presentación do libro falouse do espectáculo.
-É algo que me interesa desde sempre. En case todos os libros hai espectáculo na súas diversas formas: cine, cabaré, teatro. Recorro moito a iso porque é a forma de comunicación máis contemporánea.
-Outro dos intereses seus manifestados é a cultura popular. ¿Non ten mala prensa?
-Interésame a cultura de masas porque me interesan as formas de comunicación universais, son códigos que pasan duns países a outros e no fondo desa cultura de masas está o ser humano, o que me interesa en realidade.
-A novela é unha mestura de xéneros.
-Hai dúas liñas. Unha é unha intriga arredor dun manuscrito de Shakespeare e outra, unha reflexión sobre a relación de xerarquía nun grupo pequeno de persoas. Polo visto, eu son o único escritor galego que quere vender libros, así que uso as tramas de intriga para chamar polo lector para levalo. A outra é que me interesa a min para traballar como escritor.