A dor do mar cae na Rede

Santiago Garrido Rial
S. Garrido CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

A viúva e a filla dun afogado no «Frank C» fai 19 anos relatan no blog dun fisterrán os seus sentimentos

18 jun 2010 . Actualizado a las 18:18 h.

María del Carmen Couso é a viúva de Benito Carabelos Rosales, un dos 15 mariñeiros que fai case 19 anos, o 2 de outubro de 1991, desapareceron no naufraxio do palangreiro hispano-alemán con base en Vilagarcía Frank C a 240 millas do noroeste de Escocia, preto das Hébridas. Na tripulación había un pai e un fillo de Carballo, outro de Ponteceso e un malpicán, Gerardo Pérez, que foi o único que logrou salvarse. O resto, na súa maioría, eran de Bueu, Cangas, Moaña e Marín, como Benito.

María achegouse antonte a Fisterra acompañada da súa filla Priscila, que tina só 9 anos cando quedou sen pai. Viñeron a propósito para coñecer e falar con Xusto Gómez, autor do blog http://xustofisterra.blogspot.com. Creo este espazo na Rede para falar das «historias do noso mar», incluídos os naufraxios. Pero non é un máis, senón que dende o principio quixo darlle un carácter especial, achegándose «ao relato vivido por outras persoas, cos seus propios pensamentos».

Un día, na rede social doutra páxina, atopou a María. Fixo amizade e máis tarde descubriu que ela formaba parte precisamente dunha desas historias sobre os que desapareceron no mar, «que non teñen un sitio onde as súas familias lles poidan chorar ou levarlle flores, ou rezarlles unhas oracións», explica.

Foi cando pensou en facer algo en homenaxe a aquelas vítimas, coa narración dos sentementos en primeira persoa. E aí xa entraba a vontade de María e, se cadra, a da filla.

A nai puso algunha reticencia, «porque era algo moi seu e moi doloroso». Pensaba que Priscila non querería, pero foron falando e cruzándose mensaxes, e finalmente accedeu.

E agora os seus relatos están no blog. «A min chamáronme por teléfono da oficina de Pesca Arosa, dicíndome que no barco tiña a radio estropeada e perderan a comunicación con eles», comeza. Enterouse pola tele de que se foran a pique. «Non podía cos nervios, chamei a un familiar contándolle a triste nova, pero cría que toleara [...]. Sentía dor, moita dor, pensando como sería o que lle pasara, a miña vida parecía que se me ñía con el, o meu home, o meu compañeiro, o pai da miña nena...».

A ela houbo que contarllo, pero non era doado. «¿Como explicarlle a unha filla o que nin eu podía nin quería crer? ¿Como dicirlle que seu pai, polo que tiña tanta adoración, non volvería máis». Pensou facelo en forma de conto, para que o asimilara, pero non o entendía. Aínda lle costa. E soña con el. Fai un relato desgarrador. A última vez que o viu foi na primeira comunión.