«Na poesía non es ti o que elixe, senón as palabras»

M. V. C. / M. V. M. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O autor vén de publicar «O libro de barro», un poemario no que fai «un axuste de contas con toda a traxedia que hai»

15 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Economista por formación e profesor de profesión, José Alberte Corral Iglesias é, de corazón, escritor. Poeta, sobre todo. Autor de obras como Acarom da brêtema , Detrás da palavra , Lusco e Fusco e Buracos no espelho , acaba de publicar un novo poemario, titulado O livro de barro .

-¿Que atopará o lector en «O livro de barro»?

-É un conxunto de poemas tremendamente existenciais. É o poemario de maior dureza existencial de todos os que fixen, quizais porque os anos non pasan en balde. Reflexiono sobre o que foi a miña vida, a xente amiga que quedou no camiño, a xente xenerosa á que a vida castigou excesivamente, e as propias cicatrices dun mesmo. É un poemario moi duro.

-¿Foi unha forma de facer balance?

-Non, eu escribo porque preciso escribir. Escribo por moitas razóns, algunhas son conscientes, pero outras non as sei nin eu mesmo. Iso pasa, sobre todo na poesía, onde non es ti o que elixe, senón que son as palabras a que te elixen a ti. Eu levei unha vida moi axitada e sempre fun un atravesado, porque penso que esa é a única forma de vivir neste sistema que nos tocou, que é o capitalismo. Neste libro fago un axuste de contas con toda a traxedia que existe non só no país, senón tamén a nivel mundial. Por iso este libro está dedicado aos pobos saharauí e palestino.

-¿Ten algo tamén de poesía política?

-Non, e non porque eu estea en contra dela, que tamén a fago. Son poesías cargadas de moita cicatriz. Tanto que tamén se podía chamar, como di unha amiga miña, O livro das cicatrices . Elixín o barro porque é algo que leva ás orixes. É un libro bastante cargado de reflexión.

-Chama a atención, nada máis ver a portada do poemario, ver que no título libro escrito con uve.

-Eu escribo en galego e polo tanto a miña gramática é galega. É dicir, eu non utilizo o alfabeto castelán. Igual que o catalán ou o eskera teñen o seu alfabeto, o galego tamén o ten, porque o galego nace na Idade Media nas dúas bandas do Miño e ese galego xa se escribía e está documentado. Eu escribo así para volver ás orixes, para que saibamos que nós, por razóns históricas, temos unha lingua que non se fala só na parte norte do Miño, senón en todo o planeta, en Portugal, Brasil, Mozambique... O galego é unha lingua de gran poder cultural e cunha grande literatura, non só da nación galega, senón tamén doutras nacións.

-¿Que papel xogou a asociación O Facho que vostede axudou a fundar cando só tiña 18 anos?

-O Facho foi a primeira agrupación cultural de cidadáns en Galicia e axudoume a descubrir moitos mundos. Entón a situación era moi diferente a actual. De feito, para poñer o primeiro posto de libros en galego no primeiro Día das Letras Galegas que se celebrou, tivemos que loitar moitísimo. Nin os libreiros se atrevían a prestarnos os libros. Non recibimos o permiso ata o último momento. De feito, a biblioteca do Facho saíu adiante porque a xente tiña medo a comprar libros en galego.