«Aquí temos os mellores produtos para cociñar»

CARBALLO

O domingo asinou na Praza dos Libros máis de 150 exemplares da súa obra «A cociña dos larpeiros»

01 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Praza dos Libros de Carballo pechou o domingo con moito éxito. Unha pequena mostra da boa acollida das obras presentadas foron, nesa mesma mañá, as longas ringleiras que se formaron ante Benigno Campos. Nado en Chapela fai 60 anos, é coñecido nestes tempos polo seu labor de presentador do programa Larpeiros (TVG). A raíz do éxito da emisión, Campos recolleu nun libro -A cociña dos larpeiros- 150 receitas. Foi precisamente esa obra a que presentou e asinou este domingo no xardín municipal de Carballo.

-O seu paso pola feira do libro de Carballo deixou claro que hai larpeiros.

-Penso que saíu todo estupendamente, francamente bárbaro. Non sabería dicir cantos exemplares asinei, pero podería dicir que máis de 150. Dende logo, foi toda unha experiencia pasar por Carballo e, sobre todo, tendo en conta que, non sendo unha vila moi grande, aposta por unha feira literaria. Iso é síntoma da súa preocupación polo fomento da lectura e da cultura.

-¿Algunha anécdota?

-A xente achegábaseme, ademais de para asinarlle o libro, para felicitarme polo formato do programa, do libro e polas súas fotografías. Iso é algo moi satisfactorio, que me estimula a seguir traballando na cociña.

-¿É quen de lembrar canto tempo o leva facendo xa?

-Cociñando, pois case toda a vida. Uns 40 anos. Nunca fun cociñeiro profesional, nin o son agora. A miña vida estivo ligada ao sector naval, pero foi ao facer a mili en Madrid cando, estando de permiso, ía a casa dunha amiga que cociñaba moi ben. Con ela fun aprendendo e engaioleime.

-¿Tanto como para exercer de cociñeiro no seu día a día, coa familia?

-Si, por suposto. Eu encárgome de preparar a comida case sempre. Tamén hai que ter en conta que as miñas receitas se fan con produtos moi asequibles.

-Quizais aí resida o éxito do seu libro, na facilidade de elaborar as comidas.

-Ademais do pouco tempo que requiren. Eu son moito de traballar as comidas tradicionais, cos nosos produtos. As 150 receitas que incorporo están feitas basicamente con ingredientes galegos. Aquí temos os mellores produtos para cociñar, tanto no que se refire a peixe, como a marisco ou a carne. Con moi pouco que se aplique o cociñeiro, xa sae a cousa ben. E, sobre todo, son produtos que se poden conseguir nunha pequena tenda de aldea, sen ter que ir a tendas especializadas.

-¿Son receitas que foi recollendo ou de elaboración propia?

-Algunhas son exclusivas miñas e outras recollidas, pero en todas poño a miña achega. O bacallau, por exemplo, é un produto que me gusta moito cociñar. De feito, hai 14 receitas con el no libro.

-¿En que traballa agora?

-En escribir máis receitas, para un segundo libro que espero sacar axiña. Non obstante, este é un éxito do que todos os que fan posible Larpeiros son copartícipes. Moito disto é debido ao programa, dende logo.