A entrega do Antón Avilés foi un alegato a prol do galego

Adriana Baamonde RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

01 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O salón de plenos do concello de Noia acolleu onte a entrega do galardón do noveno certame literario de relatos de aventuras Antón Áviles de Taramancos. A premiada foi Mariña Pérez Rei, que conquistou ao xurado con Costa Necrópole. Escenarios para deslembrar . O acto comezou cunhas palabras de Xavier Castro, integrante do xurado, quen agradeceu o apoio, tanto dos participantes no certame como dos presentes na entrega do galardón. A continuación o alcalde, Rafael García Guerrero, salientou a importancia e a necesidade de escribir en galego.

Na entrega do premio estaban presentes a viúva e a filla do xa falecido autor galego Antón Avilés de Taramancos, natural da vila de Noia.

A continuación, procedeuse á entrega da escultura e do cheque correspondentes ao primeiro premio do certame, que a escritora recolleu de mans do alcalde. Mariña Pérez comezou a súa intervención agradecendo na vila de Noia todo o que fixera por ela, e todos os bos momentos que lle tiña dado ao longo da súa vida; para continuar dando as grazas ao xurado. Por último, fixo unha reflexión sobre a situación dos emigrantes, tema central do seu libro: «Eu non pretendo facer ningún tipo de alegato, pero creo que hai un mundo mellor, e que é posible chegar a el».

O acto rematou coa actuación de Clara Pino, amiga da autora, que interpretou dúas pezas musicais.

A obra

Mariña Pérez obtivo co paso dos anos un pouso sentimental sobre África. As imaxes da televisión, as fotografías máis crúas sobre a inmigración e os seus viaxes como turista, fixéronlle crear un contexto no que desenvolver a historia de Saïd, protagonista do relato gañador.

Costa necrópole. Escenarios para deslembrar

narra como é un dos traballos máis duros que hai sobre a terra, o despedazamento de barcos nas praias mauritanas. O protagonista, Saïd é un rapaz novo, que mantén o soño de poder emigrar a un lugar mellor, pero o seu día a día é moi diferente. Con este relato, a autora ensina que hai máis corazóns e ilusións alén do mar.