Os equipos de normalización barbanceses premian á patronal da construción polo uso do galego

La Voz RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

22 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha vez máis, e xa van pola terceira edición, os equipos de normalización lingüística da bisbarra, aglutinados na coordinadora comarcal, deron a coñecer onte os nomes das empresas galardoadas nesta ocasión cos premios Borrasca e Anticiclón polo escaso ou polo bo uso, respectivamente, que fan do galego. Desta volta, o recoñecemento ao traballo ben feito en materia lingüística recaeu no Centro Empresarial da Construción do Barbanza (CECB).

Estes premios simbólicos naceron hai dous cursos como unha maneira de promover o uso do idioma autóctono, recompensando, por unha banda, o labor de empresas e institucións que fan un uso normalizado do galego e, por outra, dando un tirón de orellas aos que o ignoran. Deste xeito, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pretende trasladar á sociedade o traballo que fan nos propios centros.

En canto a esta edición, o premio Borrasca foi parar aos centros de saúde de Barbanza, un galardón que os responsables da iniciativa xustificaban falando de que os profesionais da sanidade pública, na maioría dos casos, non se expresan en galego, «como acontece con case toda a cartelería, que está en exclusiva en castelán. Na comarca do Barbanza, a maioría das persoas fan un uso normalizado do galego, polo que pensamos que os seus dereitos lingüísticos non se están a respectar».

Pola súa banda, os equipos de normalización recoñeceron «o uso normal na web, nas instalacións, nas comunicacións públicas e nas actividades que realiza» do CECB e por iso o consideran merecedor do premio Anticiclón.