Un boirense que pisa forte

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Dúas curtas de Toño Chouza foron seleccionadas para concorrer a senllos certames en Cataluña e Madrid

10 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa tempo que o nome de Boiro se move en diversos eidos artísticos, tanto a nivel autonómico como estatal. A pintura, a banda deseñada e a literatura son os que máis repercusión teñen, pero tamén no sector audiovisual, o municipio boirense está pisando forte. O veciño de Cabo de Cruz Toño Chouza está somerxido nunha infinidade de proxectos de gran calado e dúas das súas cintas veñen de ser seleccionadas para concorrer a senllos certames en Cataluña e Madrid. No último caso trátase do concurso de curtas promovido pola Televisión Española.

Aínda que hai pouco máis dun lustro que Chouza entrou en contacto co mundo audiovisual, mediante os estudos de Dirección de Cine que cursa en Barcelona, xa ten unhas trinta curtas realizadas, algunhas delas con escenarios do seu Boiro natal. De feito, o seu nome empezou a ser coñecido cando gaño o festival Acción no 2007, cun traballo que fixo coa súa avoa, Somnium . Con esta mesma curta, conseguiu outro premio nun concurso de Madrid.

O pasado verán, o crucense elaborou, por encargo do Concello, un documental sobre a romaría de San Ramón: «Deixei que fose a xente a que, a través das súas experiencias, explicara a historia e as particularidades da festa». Chouza incluso empregou unha destas entrevistas que fixo para unha curta, La señora María .

Os últimos traballos deste boirense son bastante diferentes, pois están cheos de efectos especiais: «Descubrín que ofrecen moitas posibilidades á hora de afrontar a tarefa de escribir un guión, xa que podes incluso crear aos actores».

Última

Neste estilo enmárcase o seu último traballo, Yo hice un curso de yoga , unha cinta que mestura ciencia ficción, comedia romántica e xénero de catástrofes: «A historia xira ao redor dunha parella de descoñecidos que se queda encerrada nun centro comercial de Barcelona cando estala unha chuvia de meteoritos. Quédanlles quince minutos para cumprir os seus obxectivos», explica.

A ciencia ficción é, nestes intres, a temática preferida deste director boirense. De feito, está a escribir un guión para unha longametraxe empregando o estilo das road movie , eses filmes que se desenvolven nunha viaxe por unha estrada, pero cunha particularidade, que a historia de Chouza transcorre no espazo.

El recoñece que gravar unha película é a súa gran ilusión: «Teño claro que este é o meu mundo, no que me sinto cómodo, pero penso que ata que un non roda unha longametraxe non pode considerarse director de cine». Aínda así, combina a elaboración do guión con diversos proxectos. De feito, este fin de semana volverá a Boiro para quedarse unha tempada e poder así cumprir varios encargos.

Toño Chouza fará un videoclip para Oruga, un grupo musical de Vigo, e elaborará un documental sobre a nova película de Jorge Coira.