O talento dos mozos mantén vivo o recordo do poeta Añón

J.?M.?Sande OUTES/LA VOZ.

BARBANZA

A gala de entrega dos premios de poesía en Outes serviu para comprobar a sensibilidade da xente nova pola lírica

19 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A outéense Olalla Tuñas Martínez foi a gañadora do decimo cuarto certame Francisco Añón de poesía, coa súa obra Split screen, na categoría absoluta. O fallo do xurado deste ano fíxose público o luns no transcurso dun acto académico celebrado na casa de cultura de A Serra. Ademais da distinguida na quenda dos adultos, tamén se deron a coñecer os vencedores nas cinco categorías de infantil e xuvenil.

O xurado do certame, integrado por escritores e profesores de lingua galega, valorou a aposta formal, o cosmopolitismo non pretensioso da temática e a actualidade na forma, ademais de destacar do poemario a ligazón que fai a autora dende o universal ata a cultura propia. A premiada non acudiu a recibir o galardón ao estudar en Dinamarca, enviando dende alí unha fervente misiva en apoio do idioma galego que foi lida por unha amiga.

Nesta categoría concedeuse un accésit a Xosé García Rodríguez, veciño de Melide, por o seu poemario Solsticio de río. Desta obra valorouse a súa calidade formal e o emprego que fai o autor da mestura entre a métrica e o verso libre ao longo do corpus poético.

Polo que atinxe ao resto das categorías, Carlos Amado Trillo, coa obra O tren rápido, foi o poeta máis novo dos premiados. Nesta quenda de 6-7 anos tamén se concedeu un accésit a Nerea Piñeiro Rodríguez.

Carmen Quintela Vilariño foi a gañadora do concurso na categoría de 8-9 anos, coa súa poesía A campá da igrexa. Neste grupo tamén se destacaron as obras de Noelia Blanco e Nerea Dosil.

Outras categorías

No grupo de autores de 10-11 anos a vencedora foi Lorena Barrera López, pola obra Historias a rentes do mar, recibindo distincións Ignacio Mañá Mesas por Vendaval sentimental. Na quenda de 12-14 anos impúxose Francisco Traficante Fernández, que presentou ao certame a poesía Fíos de tinta. Marcela Porto Mato foi distinguida tamén nesta categoría pola obra Self check.

No grupo de mozos de 15 a 17 anos a vencedora foi Jésica Amado Dosil, que presentou ao concurso o traballo titulado Inconclusa Margarida. Os recursos técnicos empregados pola autora xunto a autorreferencialidade literaria foron os aspectos máis valorados polo xurado do certame. Nesta quenda tamén se premiou a obra Razóns de máis, da que é autora Carme Eyo Conde.

O concelleiro de Cultura de Outes, Manuel García Fiúza, presidiu o acto agradecendo a gran participación de traballos ao certame procedentes de toda Galicia. «Ese aspecto amosa que o concurso poético de Outes xa goza dun gran prestixio entre os premios literarios galegos», tal e como dixo o edil.

Durante o evento tamén se deu a coñecer o volume coas obras gañadoras no concurso do pasado ano. A banda municipal de gaitas de Outes amenizou a entrega dos premios aos gañadores do certame, os cales tamén leron algunhas poesías das obras premiadas nesta edición do certame poético de Outes.